BAIXA LIMIA

Un calendario permite repoboar as árbores de zonas queimadas

Un grupo de voluntarios durante a prantación de árbores do pasado mes de marzo.
photo_camera Un grupo de voluntarios durante a prantación de árbores do pasado mes de marzo.

A iniciativa, impulsada por Axuge, conseguiu prantar 300 exemplares na súa primeira edición

Un grupo de veciños da Baixa Limia ven de poñer en marcha a segunda edición do calendario solidario mediante un concurso de fotografía para elixir as imaxes que ilustrarán cada un dos meses do ano 2020. A iniciativa parte da asociación medioambiental de Xuresianos-Geresianos (Axuge) como un proxecto solidario para avanzar na recuperación de entornos do parque natural que teñen sufrido incendios forestais. 

A recadación de fondos procedente da venda dos almanaques permitiulles, na primeira edición, conseguir un importe suficiente para a compra de máis de 300 árbores. "Plantamos castiñeiros e exemplares frondosos na parroquia de Sampaio, en Lobios", explica o responsable do colectivo, José Manuel González Paz. Os incendios forestais que sufriu a Baixa Limia no verán do 2017 arrasaron boa parte da arboreda desta zona, que dende Axuge tratan de revivir con iniciativas coma esta. 


Concurso fotográfico


"O ano pasado fixémolo todo correndo", conta José Manuel González. Aínda así, amósanse moi satisfeitos cos resultados acadados, que se materializaron a finais do pasado mes de marzo coa prantación deses tres centos de árbores. En calquera caso, contaron con 12 imaxes para que o Xurés estivese presente en cada unha das páxinas.

Nesta segunda ocasión, non está previsto que lles ocorra o mesmo, de xeito que xa puxeron en marcha un concurso fotográfico para elixir as instantáneas que lle porán imaxe a cada un dos 12 meses. "Queremos telo listo para agosto, así pode levalo toda a xente que nos visita en verán". Por iso, o prazo de presentación de fotografías con paisaxes e elementos naturais do parque natural do Xurés, remata o vindeiro domingo, día 21. Despois, os responsables de Axuge calculan que necesitarán en torno a 10 ou 15 días para montalo, imprimilo e poder poñelo á venda. Con esta previsión e a organización do concurso, agardan poder acadar uns resultados aínda mellores que os deste ano. "Tódalas accións da asociación van destinadas a mellorar o hábitat", puntualiza José Manuel ó falar desta iniciativa para conseguir un ano sen lumes.

Te puede interesar