Opinión

Cambio e movemento

Aquel condutor imprudente, veloz e afable, cambiou de carril e matouse. Foille mal, igual que lle foi mal ao corredor que cambiou equivocamente de pista ou ao emigrante que cambiou de país para cambiar de vida e só puido facer o primeiro cambio, pero esta claro que noutros ámbitos estamos en tempos de cambio. Xa dicía Heráclito, no seu tempo, no século quinto antes de Cristo, o único permanente é o cambio. E, todo cambia. Nós tamén, aínda que sexa sen querelo, estamos sometidos ao cambio constante. Está ben, hai que cambiar de aires, cambiar os zapatos, o pantalón, a camisa e a chaqueta. Cambia o clima, os costumes, os pareceres e as percepcións; cambian as miradas, os focos dos fotógrafos, as opinións, os discursos e os amores.

As raíces de cadaquén poida que queden enterradas na memoria e que sexa esta a única capaz de cambialas, de airealas ou de esquecelas. Estamos en tempos de cambio, como sempre, e como din os paisanos, pasa igual que na feira: “non hai ningunha mala, cando un perde, outro gaña”. Adiante! Cómpre seguir avanzando e progresando, polo tanto, hai que seguir cambiando, aínda que pase o que xa pasou moitas veces, cámbiase de rumbo, de muiñeiro, de emisora, de teléfono, de estación, de médico ou de escola, “cámbiase todo, para que todo sega igual”. 

O premio Nobel de literatura en 1925, o irlandés George Bernard Shaw, dicía que “o progreso é imposible sen o cambio” e engadía, “aqueles que non son quen de cambiar as súas mentes non poden cambiar nada”. En nós, prezados lectores, está o epicentro da decisión da transformación do que nos rodea, e para conseguila debemos empezar por cambiar o noso pensamento e o pensamento colectivo dos inmobilistas. 

Para todos, o cambio debe ser garante de actitudes saudables e, incluso para moitos, debe ser de compromiso coas miradas de longo alcance para o futuro e de firmeza para o presente. Miradas que, cando se acurtan ou se interrompen, provocan de inmediato a necesidade doutro cambio obrigatoriamente espectacular. O cambio é movemento e acción, logo, no dicir da Tía Manuela, asentase na reflexión, na responsabilidade e no comprensión, que debe exercerse con viveza e realismo.

Te puede interesar