Imprimir

Camellos australianos

Afonso Vázquez-Monxardín |

La Región | 14 de enero de 2020

Australia cae lonxe. O máis lonxe posible, sacando Nova Zelandia que é onde dá a volta o mundo e, pola outra parte xa se vai achegando un a casa. E só coñezo dous emigrantes que anden por aquelas terras. E aínda que tivesemos un paisano de Tui, frai Rosendo Salvado, importante para o arranque da historia do país, pouco sabemos daquela terra, máis alá do que vemos na televisión: canguros, koalas, Ópera de Sidney, desertos, eucaliptos e... agora, incendios. E enganámonos coa distancia e con ese fume que sempre que se fala de lume nos confunde. Sen ir máis alá onte escoitei na televisión, na boca dunha presentadora calquera, unha noticia disparatada. Dicía que levaba ardido un terzo de Australia e que era unha superficie como a de Irlanda. Ben. Ou hache ou be. As dúas cousas non poden ser. Hai que termar ben das cifras e aplicarlles sentido común. E mirei ben o dato, e si, leva ardido moito. Aproximadamente uns 60.000 km cadrados, algo menos que o tamaño da illa de Irlanda, pero o dobre do tamaño de Galicia. Mais como non estamos falando dun sitio pequeno, senón dun continente de 7.692.000 km cadrados, pois a superficie ardida é exactamente un cento vinteoitoavo (1/128) da súa superficie. Ou sexa, é como se en Galicia levasen ardido 230 km cadrados, tal que un chisquiño máis có concello de Laza. Moito, desde logo, e máis preocupante, porque hai moito deserto no medio de Australia que non conta; pero non é ese terzo tan alarmante. Chégalle sen mentir.
E despois leo outra noticia sobre -cito textualmente- o asasinato masivo de dromedarios en Australia. Ben. Para empezar saiban vostedes que Australia é o país do mundo onde máis dromedarios viven. Seica uns 750.000 salvaxes. Leváronos alí a mediados do XIX para carrexar cousas polo deserto, pero cando chegou o motor, ceibáronos e, sen depredadores, inzaron e fixéronse a especie máis invasora. En 2008 había un millón de dromedarios e duplicándose cada oito ou dez anos. Comen de todo, sobre o 80 por cento das escasas plantas dos desertos o que deixa ás comunidades indíxenas e non indíxenas desprotexidas; estragan as conducións de auga, contaminan os recursos hídricos dos humanos, etc., etc. Son, atallando, unha praga enorme. 
As consecuencias negativas son gravosísimas e moi prexudiciais para os cidadáns do rural e mesmo hai xa unha oficina federal, a Australian Federal Camel Management Project, que entende do tema. Moito peor que o xabarín en Galicia. Ben. E sobre todo, a matanza de dromedarios, nin de ningún animal, é un asasinato. Pois o vocábulo é só para falar de xente. Di a RAG “asasinato” é un homicidio con agravantes. E de homicidio di: “O feito de matar unha persoa”. En fin, un pode ser todo o animalciño ou animalista que queira, pero debe procurar falar polo dereito, ou sexa, sen inventar usos lingüísticos excesivos para condicionar actitudes. Matar, mátase calquera cousa que viva. Dun marrán a un piollo. Dunha vaca a un mosquito. Pero, para que sexa un asasinato, cómpre falar de xente, de persoas, de homes, mulleres e nenos. O que mata un gorila, por exemplo, está facendo unha salvaxada, unha animalada, é un desgraciado, e merece toda a reprensión da lei, etc. pero non se pode dicir que cometa un asasinato, porque non é xente. Hai que coidar a lingua moito, primeiro para non mordela e logo para non promover radicalismos fantasmagóricos.
Puede ver este artículo en la siguitente dirección https://www.laregion.es/opinion/afonso-vazquez-monxardin/camellos-australianos/20200114030023918938.html


© 2020 La Región

© La Región S.A.

Contenidos con licencia Creative Commons