DEPORTE UNIVERSITARIO

Campioas, campioas e de novo campioas

As xogadoras de baloncesto conseguen o ascenso a primeira nacional

As xogadoras de baloncesto do Universitario Campus Ourense gañaron esta fin de semana en Santander a fase de ascenso a primeira nacional, a terceira categoría estatal de baloncesto feminino sénior. Con este logro culminan unha excelente tempada na que as ourensás gañaron tamén a Copa Xunta de Galicia e a liga autonómica, os dous principais galardóns da súa categoría.

“Estamos moi contentos por elas. Gañar a fase de ascenso é un premio ao seu traballo durante toda a tempada, un premio á súa constancia, compromiso e competitividade. Bravo por elas”, destaca Gonzalo González, adestrador do equipo. Acadada a praza, as xogadoras teñen agora por diante o reto de decidir se queren ou non ascender de categoría ou se prefiren continuar na liga autonómica. “A decisión é delas, non é un tema tanto económico coma deportivo, do esforzo que lles suporían os desprazamentos fóra de Galicia cada 15 días. Nós en todo caso animámolas a ascender. Pensamos que é o seu momento”, sinala Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense.
“Son gañadoras. Son xogadoras que loitan cada minuto na cancha e que forman unha piña. O equipo está moi cohesionado”, explica o responsable do Servizo de Deportes sobre as claves dos bos resultados do Universitario Campus de Ourense.n
 

Te puede interesar
Más en Universitas