Opinión

Can hidrófobo por Baños de Molgas

Cando lin a noticia que un xornal galego publicou exactamente o 29 de abril de 1913 chamoume a atención a restra de nenos feridos que foi deixando un can no seu percorrido. Resulta que uns días antes, un cadelo hidrófobo, é dicir, con rabia, percorreu algunhas aldeas do partido xudicial de Allariz mordendo ó torto e ó dereito. A un tal José Rodríguez Fraguas, de 18 anos, mordeuno na man esquerda. A Juan Pérez Bouzas, de 13 anos, meteulle o dente no antebrazo esquerdo. A Benita Seara, de 11, e a Severo Pérez, de 7, mordeunos no peito. Todos eses rapaces eran de Allariz. Pero o can rabioso seguiu o seu percorrido e chouto ó concello de Baños de Molgas, onde mordeu na cabeza a José Quiroga Romero, de 6 anos, e natural de Almoite. A Francisco Nóvoa Forrón, de 13 anos e de Brandín, meteulle os cabeiros na coxa esquerda. A Domingo Álvarez Cid, de 4 anos e de Maceda, no brazo dereito (menos mal, xa pensaba que o can era de esquerdas). Tamén resultaron con graves mordeduras José Quiroga e Francisco Novoa. Todos os nenos ingresaron no instituto antirrábico e atendéronos os doutores Porto e Rionegro, que lles fixeron as primeiras curas. Os pais pediron subvención á Comisión provincial e esta foi quen de concederlla.

Te puede interesar