URBANISMO

Carballiño dá o primeiro paso para facer peonil o seu centro

rotonda_result
photo_camera Un vehículo xiraba onte pola tarde do mesmo centro da vila, na rotonda da Alameda.

O Concello colocará paneis para informar das distancias e do tempo empregado nos traxectos

Co obxectivo a longo prazo de peonalizar unha parte importante do centro urbano, o Concello de Carballiño está a adoptar unha serie de medidas coas que persigue unha vila sostible, saúdable e medioambiental. Así, o alcalde do municipio, Francisco Fumega, e a concelleira de Medio Ambiente, Érika Paz, anunciaron un paso máis dese proxecto, e que consiste en adherirse á rede internacional de Cidades que Camiñan, promovendo iniciativas de mobilidade peonil e sostibilidade medioambiental. 

Érika Paz referiuse ao compromiso que adquire o Concello do Carballiño ao incorporarse a esta rede, asumindo as dúas declaracións centrais: Carta Internacional do Camiñar e Carta dos Dereitos do Peón, e tamén a iniciativa coñecida como "metrominuto", consistente na colocación de paneis informativos sobre a distancia e o tempo de percorrido camiñando aos lugares de máis interese e máis concurridos por veciños e turistas, e tamén dos servizos dispoñibles. 

A concelleira apuntou que  O Carballiño ten un parque móbil de máis de 10.000 vehículos e rúas pequenas e estreitas, polo que "pretendemos mellorar a accesibilidade, o medio ambiente, e ter un pobo sen atascos e sen perigo ao andar a pé". Por iso, o Concello tamén está acondicionando varias rúas afastadas do centro para habilitar novas prazas de estacionamento. Nos paneis, os condutores comprobarán os lugares onde se pode aparcar e a qué distancia se atopan doutras zonas.

Francisco Fumega indicou os aparcadoiros habilitados nos últimos meses na rúa Ben Cho Sey e noutras, que se ampliarán a Otero Pedrayo ou Aquilino Sánchez. 

Esta iniciativa do "metrominuto" desenvolverase cun lema propio local, que é “Pasiño a pasiño polo Carballiño”, e porase en marcha a finais deste ano, según anunciou Érika Paz, quen tamén destacou o feito de ser a primeira vila da provincia de Ourense en acollerse a esta rede de Cidades que Camiñan, da que tan só forman parte en Galicia a cidade de Pontevedra e Carballo. Os responsables municipais aseguraron que se elaborará un plan global de mobilidade onde se recollerán tódalas iniciativas a poñer en marcha para mellorar a seguridade vial e a calidade de vida dos cidadáns.

Promoción de hábitos saudables

Érika Paz sinalou que o Concello xa ten o boceto do "metrominuto" para remitir á rede de Cidades que Camiñan, que se encargará do seu deseño. O Concello tamén levará a cabo unha campaña de concienciación. Ao respecto a concelleira sinalaba que  entre os campos de fútbol de Espiñedo e A Uceira, como dous puntos dun extremo a outro da vila, a distancia é de 3,1 quilómetros e o tempo que se tarda camiñando ata o centro é de 40 minutos.

Engadía que se por exemplo se aparca o vehículo na explanada da estación do tren, a distancia que hai ata a rúa Calvo Sotelo é de 1,3 quilómetros e o tempo empregado é de 15 minutos; e o que se tarda entre o aparcadoiro da rúa Ben Cho Sey e o Concello son 7 minutos. Nese sentido, Érika Paz destacou o pouco tempo real de andaina  desde eses lugares habilitados para estacionar, e apuntou que o xeito de sinalizar a pouca distancia e o tempo que se tarda camiñando desde estas zonas ata o centro do casco urbán "ten unha repercusión moi positiva na desconxestión do tráfico e na promoción de hábitos saudables". Unha iniciativa que o Concello carballiñés tamén aproveitará para a instalación de novas sinalizacións dos edificios e monumentos senlleiros, como é o caso do Consistorio, o templo de A Veracruz ou o Gran Balneario, entre outros. 

Te puede interesar