CARBALLIÑO

Carballiño sinalou as súas sete rutas cardiosaudables

A primeira mesa redonda deste obradoiro cardiosaudable terá lugar ás 11,00 horas, no salón de actos do Concello

O Concello do Carballiño comezou a instalar os paneis das rutas do programa "Carballiño Cardiosaudable", deseñado e promovido pola enfermeira Verónica Civeira e o técnico do 061 Manuel López. Trátase de señalizar sete rutas, que comezan na Praza Maior e no Concello, e transcorren por itinerarios urbanos e dos arredores da vila, con diferentes distancias.

Estes días colocáronse os paneis da Ruta Saudable 3, que parte da Praza Maior, baixa pola rúa do paseo e a rúa Margarita Taboada cara ao Gran Balneario,  continúa por unha das marxes do Paseo do Arenteiro e volve pola outra beira cara ao centro da vila.

Este programa anunciouse por primeira vez durante a celebración das I Xornadas Cardiosaudables, desenvolvidas no salón de plenos do consistorio carballiñés o pasado ano, e o próximo 22 de abril comezará a segunda edición, xa co percorrido cardiosaudable da Ruta 3 señalizado.

A primeira mesa redonda deste obradoiro cardiosaudable terá lugar ás 11,00 horas, no salón de actos do Concello, e nela participarán o alcalde, Francisco Fumega; o xerente da EOXI, Julio García Comesaña; a subdirectora de Procesos Asistenciais de Enfermería, María Dolores Sánchez; o xefe de servizo de Atención Primaria do Carballiño, Antonio Padrón; o coordinador de Atención Primaria do Carballiño, Francisco Javier Pérez, e a enfermeira Verónica Civeira. Ás 11,30 horas realizarase a Ruta Saudable 3.

Te puede interesar