Opinión

Carecemos de sentido común

Pódese dicir que hoxe entramos nuns días, ou mellor dito, en dúas semanas moi críticas con respecto á pandemia que estamos padecendo desde o mes de marzo. Estamos a pedir moitas precaucións e a dicir ou escoitar bos consellos, pero co problema de sempre: que somos moi remisos a seguilos. Sabemos que temos que fuxir das aglomeracións, pero claro, nestas datas como non te vas partir o peito na procura deses agasallos que hai que entregar porque si, porque así o di a tradición. E xa sabemos o que son as tradicións... Como non vas celebrar o Nadal, con todo o que significa para a nosa sociedade! Unhas datas nas que seica temos todos un corazón de ouro. E temos que demostralo xuntándonos con quen sexa, para que se vexa que, efectivamente, somos sensibles, cariñosos, tenros e de moi bo sentimento. Si, sabemos que hai que ter sentidiño; e témolo, pero a nós malo será que nos pase algo. É dicir, que carecemos de sentido común.

E non sei, pero dáme que vai acontecer o de finais das vacacións de verán; que a covid-19 se puxo as botas contaxiando a esgalla. Nestas dúas semanas máis seguro que aconteza o mesmo. Ou sexa, que é moi probable que a terceira onda faga de novo acto de presenza grazas “ó noso sentidiño”. Como tampouco hai sentidiño para certos condutores ante os pasos de peóns. O outro día atropelaron a un neno de 10 anos na Valenzá por falta de visibilidade nas inmediacións dun paso de peóns. Aínda que o atropelo non foi no que hai xunto a un supermercado que hai no medio da Valenzá, a min sempre se me vén á cabeza este paso porque lle teño auténtico pánico; tanto se o teño que cruzar andando como se o teño que pasar en coche. Porque aí sempre hai furgóns (a maioría das veces do propio súper) aparcados en dobre fila que fan imposible unha boa visibilidade. Cando teño que cruzar andando non me queda outra que facer uso do pescozo de xirafa para outear o horizonte, e cando vou no coche sempre reduzo todo o que podo porque nun santiamén asoma xente que sae de comprar do supermercado. Ó meu entender, nuns cinco ou dez metros, debería estar prohibido aparcar ante os pasos de peóns. Si, xa sei que as prohibicións nunca foron pratos de gusto para o ser humano, pero é que este tamén é verdade que moitas veces carece de sentido común. E pasa cos coches á velocidade dun traxecto normal.

Te puede interesar