Cultura

Carlos Ledo asume a dirección do Festival carballiñés de teatro

A actriz Josi Lage, que se despediu no pasado 30 aniversario, continuará como programadora artística

A Asociación cultural Fetega daba a coñecer onte o relevo na dirección do Festival de Teatro Galego Celso Parada. O carballiñés Carlos Ledo substitúe á actriz Josi Lage, que se despediu no pasado 30 aniversario e que continuará como programadora artística. 

Ledo cumpre o perfil buscado para a dirección, "un profesional con ilusión renovadora pero sen perder a esencia actual, cunha visión de xestión porque o evento ten que ser sostible, un perfil conciliador libre de afiliacións políticas, e que mantén as raíces do Carballiño pero cunha visión xeográfica moi ampla", subliñaba o colectivo nun comunicado.

O novo director declaraba que " é unha responsabilidade grande e apaixonante especialmente para min, que lembro os inicios cando nin sequera se levaba aínda a palabra Festival", á vez  que subliñaba que é "un privilexio" formar parte do equipo do Fetega. 

En canto ao papel que xoga o evento organizado desde hai trinta anos desde o Carballiño, Ledo destacou que se trata dun  patrimonio galego radicado na vila. "Tócanos manter sempre un alto estándar de calidade que compañías e profesionais recoñecen", matizou.

Pola súa banda, Lage, dixo que " é un momento emocionante, foron moitos anos nos que fun moi feliz, e onde houbo tamén suor e bágoas".

Te puede interesar