Opinión

Carretera de Logroño

Saio dar unha volta. Paseo polo Paseo. O das franquicias. Sigo cara á Praza Maior. Miro os Xardíns do Padre Feijoo; precisan unha boa poda. Sorrio coa permanencia da garrapiñada de La Granadina que lembro de sempre. Vexo, esperanzado, as obras do hotel enfronte de Santa Eufemia.  Paso pola porta da Igrexa e fíxome na canella pechada que vai a Alameda  e que tanta conversa dá desde o XIX. Enfronte do Liceo vexo unha ringleira de locais pechados. Chego á Praza Maior; terrazas, gasto, vida. Vida hosteleira. E por horas. O edificio da vella Terra Gallega, en obra parada. Abanca, sen exposición neste momento. Ninguén nos balcóns da praza inclinada; nunca. Miro para o edificio do Arqueolóxico e teño saudades da mocidade e desacougo de nós. Demasiado conformista, amable e dócil foi a cidadanía neste tema: a cultura é o eixo da personalidade e tamén un dos recursos principais dunha cidade. A casa grande do Concello, enfronte, fermosa, sen aínda calma, acougo e ilusión para os cidadáns. 

Sigo pola rúa Colón. Non funcionou o intento de revitalizar a rúa como rúa dos artesáns. Comercios vellos pechados. Comercios de ilusións xuvenís, pechados. Edificios que os donos prefiren arruinados, derrubados, -un, dous, tres, catro...-  antes de teren que rehabilitar vellas construcións. Pouco se move. Centro Cívico. Recadación Municipal. Areixas de vida administrativa enxertadas nun tronco vello. Na rúa da Imprenta vexo con pena a ruína do edificio do vello Colexio Sueiro, cunhas das balconadas balconada máis fermosas de Ourense. Nin chego ao Instituto. Deixo a un lado a rúa Dous de maio e lembro a casa do bisavó Gumersindo, coas escaleiras pinas e súa bombilla -buxía, dicía el- protexida cunha camisa de aramio. A cidade vella estaba moi vella, coma el, pero viva. 

E dou volta pola praza de Saco e Arce. Prazas articuladas esta e a Manuel Sueiro. Escultura moderna. Soño prazas vivas, con terrazas, fermosas, preto do Posío, da Trindade, do Instituto. Abro os ollos e vexo pintadas, fachadas apuntaladas, ocos enlazados de edificios caídos. Marxinalidade. Na rúa da Liberdade, nin a tapicería do Castor resistiu. Só ao fondo, na esquina de San Marcial, a esperanza, a realidade illa do Grándola; vida, mocidade. Lembranza do Porrón, cos seus viños doces... Subo a Hernán Cortés... e a alma arrastra cadeas polo chan... Volvo á Praza Maior, a tomar algo nas terrazas do Mundial e ver o solpor. Seica os solpores son fermosos. Se cadra o noso non tanto. Ao chegar a casa collo o folleto da apertura do Leroy Merlín. Un equipo de 125 asesores. Alégrome por eles... pero pregúntome, cantos postos de traballo destrúe?

Eu, nas miñas modestas compras, procuarei seguirlle fiel á Ferretería Americana, ao Paradelo, ao Blanco Quintas... ao comercio local. A próxima crise, á que xa se lle albiscan as orellas de lobo negro, pode ser decisiva. Entre avellentamento, falla de proxectos comúns, desencontros persoais dos  líderes da comunidade, agresividade das multinacionais e comercio electrónico, non imos ben. No folleto leo en “como llegar a tu nueva tienda”, que está na “carretera de Logroño”. Sorrío. Desconexión coa realidade. Aínda que a N-120 se chama, produto do Plan Peña, desde 1940, Logroño-Vigo, os máis de dous millóns setecentos mil galegos, diriamos que está na saída de Ourense cara a Vigo, na recta de Quintela, xusto antes de coller a autovía. Acabarei indo por alí a ver como é. Coma todos.

Te puede interesar