Opinión

Carta ós Reis do Concello

De pequeno sempre esperaba con ilusión a chegada dos Reis, pois aínda que no rural sempre había pouco que repartir, algo deixaban. Co paso dos anos aquela ilusión foise esvaíndo, xa sabía que, o dos Reis, era un conto para facernos ós cativos un chisco máis felices por uns días. Mais, a pesares de todo, eu sígolle escribíndolle ós Reis unha carta case todos os anos. O asunto de non crer na herdanza de títulos e moi pouco nas monarquías non é impedimento para que eu lles mande unha misiva. E, por aquelo da proximidade, este ano mandareille a carta os Reis que seica mandan no noso Concello, polo que voulle pedir, non sei se me farán caso, que me devolvan a ilusión que perdín, pois vexo moi deteriorada a vida política na institución municipal. E como os anos pasan sen que haxa nada salientable que destacar, pois mándolle esta misiva ó señor Vázquez e os seus compañeiros.

Queridos Reis Magos, ou mellor queridos membros do equipo de goberno: non sei se vostedes andan moi enterados do que acontece na cidade das Burgas, dado que resulta que despois de moitos anos e por culpa das meigas, e da ineficiente xestión do equipo de goberno, aínda estamos sen Plan Xeral de Urbanismo. O asunto ten tela, pois o anterior caeu polo cambio dos planos que fixeron os seus compañeiros. O mesmo acontece coa contratación dos servizos públicos caducados, pois todos están en precario e son bastantes; algo semellante acontece co abandono no que están os parques e xardíns da cidade, e que decir do problema de tráfico, onde a ausencia da Policía Local na rúa é tan evidente que nin están nin se lle espera, dá a sensación de que non se precisan. O mesmo acontece coas melloras no perímetro rural, nada de nada. Xa non falo da estación nin do trazado do AVE, pois vostedes non está para iso. Ah, están para lanzar globos ó vento como o das tirolinas no Miño.

Pero se seguimos paseando polo concello, percibimos que o deterioro dos servizos públicos e o mantemento cada día é máis precario, eu diría inexistente. Polo que, nin proxecto de cidade, nin ansias de telo, nin nada de nada. Todo vai indo á deriva como unha barca sen rumbo parello á nosa provincia.

Cecais o mellor do que levamos de mandato é a asistencia ós plenos. Plenos nos que a sutileza coa que falan uns e outros deixa un arrecendo de tasca. E o lugar que tiña que ser para o contraste respectuoso de opinións e proxectos parece máis un bar ou un patio de vecindade que un lugar institucional serio e respectable.

Estimado rei Melchor, perdón, sr. alcalde: póñalle remedio a esta situación e faga o posible para que non se deteriore máis a vida municipal. Busque consensos e faga algo máis que aparecer nas redes sociais cheo de felicidade. E non se esqueza de que, en Seixalbo, seguimos sen glorietas, sin fibra e cun mega e medio de cobertura. Cousas do PERI ou das meigas, non sei. E que o velatorio das Burgas, o máis utilizado na cidade, precísa unha glorieta pra evitar situacións perigosas de tráfico. 

Dixen que de pequeno, como todos os rapaces, tiña fe nos Reis. Agora de maior perdín a fe case total. Pero, sr. alcalde, devólvame alomenos a esperanza e faga que confíe no bo facer da institución municipal. Inténteo, que para iso é vostede a máxima autoridade. Ande, fágame ese favor.

Te puede interesar