Castrelo do Val aposta por certificar os seus montes

castrelo_resultado
photo_camera Os comuneiros recibiron os parabéns do conselleiro de Medio Rural, José González -segundo pola esquerda-.
Trátase de loitar contra o cambio climático e facer unha xestión forestal eficiente

A Comunidade de Montes de Pepín, en Castrelo do Val, é unha das que aposta pola certificación do seu terreo, unha figura que garantiza a sustentabilidade na súa xestión forestal ao tempo que constitúe un elemento diferenciador. Por este motivo, a agrupación recibiu os parabéns do conselleiro de Medio Rural, José González, que, acompañado do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, achegouse ata Castrelo para intercambiar impresións cos comuneiros. 

O titular de Medio Rural indicou que a certificación forestal ten unha gran importancia neste eido produtivo, xa que incide nunha maior "credibilidade e transparencia" nos procesos de aproveitamento dos recursos do monte. Por este motivo, dixo o conselleiro, "é fundamental promocionar este tipo de garantía tanto nos montes de xestión pública como privada". Nesta liña, González afirmou que unha xestión forestal sustentable "contribúe tamén a mitigar o cambio climático".

"É fundamental promocionar este tipo de garantía, tanto nos montes de xestión pública, como privada", dixo José González

Entre as medidas que está a levar a cabo o Goberno galego a prol dunha correcta xestión do monte atópase, por unha banda, o apoio á realización de plans preventivos de incendios forestais tales como rareos, rozas e podas en masas estables de coníferas e, pola outra,  tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos montes. Trátase de masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras. Tamén se potencia a rexeneración e mellora de soutos de castiñeiros.

Te puede interesar