Opinión

Catherine Deneuve

Sempre sentín unha atracción, non diría que fatal, nin moito menos, pero que debo confesar forte atracción, pola beleza fría de Catherine Deneuve. 

Unha vez que, grazas ó chorado Feliciano Fidalgo, compartín mesa con Marcello Mastronianni e Simonne Signoret no "Le Lipp" parisino, un restaurante emblemático, unha brasserie na que servían un cocido que, non é por nada, pero moito lle tiña que envexar á maioría dos que se fan por eiquí; esa vez, admirando como admiraba á actriz nacida alemá, pero francesa, moito lamentei que non se tratara da francesa-francesa, francesa e fría, que citei hai nada, tan loira ela, tan fermosa e fría.

Entre tal circunstancia -xa saben un é un e maila que ten, falo da circunstancia- pois entre ela e o meu mal francés de sempre comín e calei, sorrín e calei, volvín sorrir cada vez que me parecía que debía facelo e agora entenderan porque non disfrutei moito do cocido... nin da conversa na que Feliciano levaba a voz cantante e as risas compracidas dos outros dous comensais. O que tería eu dado por poder mirar ata fartar a Catherine Deneuve.

Tal admiración conduciume, hai uns días, a ver na pantalla do televisor "La derniere folie de Claire Darling" que, se prefiren que a anose, que a escriba na nosa fala, tería que dicirlle "A derradeira tolería de Claire Darling". A película está interpretada por ela e máis por Chiara Mastronianni que, ou moito me equivoco, ou é filla de Catherine e de Marcello e, daquela da que lles falo debería ser de obra de oito ou dez anos, pois tantos fai que tivo lugar aquel encontro, tantos que se foron a Signoret, o Mastronianni e o meu admirado e benquerido Feliciano.

Coa película pasóume o mesmo que co cocido de Lipp: un fracaso. A Deneuve debeu morrer ó pouco tempo de rodala e a súa filla tampouco non interpretou un gran papel por moito que o fixera millor do que o fixo a súa nai. Quero pensar que o ictus que levou a esta xa debía estar traballando no pra min deteriorado organismo de actriz tan admirada.

Vendo esa derradeira tolería interpretativa, na que a Deneuve o que millor fai e fumar continua e continuadamente, véuseme á cabeza a conveniencia -case que sempre contraria á necesidade- de que os artistas, chegado un tempo, un tempo moito máis ca unha idade, pensen seriamente en facer mutis polo foro. Imbuída no seu papel de Claire Darling a actriz, convencida de que ha morrer esa mesma noite, decide malvender mobles e pertenzas que definen a súa vida de luxo e antollos, de caprichos satisfeitos e de amores sen chegar a término. Un coñazo. Aburrido decidín poñerme a ler mirando de reollo de vez en cando prá pantalla do televisor así que non podo contarlles como rematou a cousa. Só lles direi que o resplandor dunhas labaradas interromperon a miña lectura e que todo debeu quedar consumido. Tamén e pese a todo eu papei ata o último garavanzo do cocido de Le Lipp, outro fracaso ó que sumarlle esta despedida de actriz por min tan soñada.

Te puede interesar