TRIBUNA

Centenario Nós | As dúas desaparicións de Nós

Son case terreos comúns afirmar que a revista Nós parou durante dous anos (entre xullo de 1923 e xullo de 1925) por mor da ditadura e Primo de Rivera e que se extinguiu co comezo da Guerra Civil, en xullo 1936. Ben. Ningunha das dúas cousas é certa. Nada mellor que rever a historia indo ás fontes. 

A revista Nós nace co impulso sobre todo de Risco e Castelao e a participación entusiasta de Antón Losada Diéguez e Arturo Noguerol e, tamén, do resto do grupo ourensán e do pontevedrés. Comeza aquí, á calor da camilla de Risco, hai cen anos. Á parte do Noguerol, os demais ourensáns non entendían moito de cartos, e desde os comezos só a xenerosidade de La Región que publicou os quince primeiros números (os mellores e máis coidados esteticamente, grazas a José María Cid Morenza, o tipógrafo que levaba a imprenta) e grazas aos amigos que puñan anuncios, fixeron o soño posible. De todas maneiras, se no ano 1920 sacaron os tres exemplares correspondentes ao último trimestre do ano, no ano 1921 só puxeron na rúa cinco números; no 1922, seis; e nos seis primeiros meses de 1923, catro. A revista, pois, andaba aos tombos e estaba “pexada” polas cuestións económicas,  como ben se ve na correspondencia publicada entre Risco e Losada, por exemplo. Total, que en xullo do 1923, esgotouse o, chamémoslle, “modelo voluntarista”.

O golpe de estado que trouxo a ditadura de Primo de Rivera produciuse uns meses despois,  o 13 de setembro de 1923.  E nese primeiro afán aparentemente rexeneracionista da ditadura, Vicente Risco foi nomeado e aceptou o posto de deputado na Deputación provincial, o único cargo político público que exercería na súa vida, se ben renunciaría meses despois. Non esquezamos tampouco, que na Asemblea de Monforte de febreiro de 1922, os ourensáns teñen un tira-puxa en favor da acción cultural e contra a participación política directa que propugnaba o bloque coruñés partidario desa liña. Ademais, durante a ditadura de Primo de Rivera seguíronse editando (filtrados pola censura, coma todos) os xornais galeguistas, A Nosa Terra de Coruña e Galicia de Vigo. Inda máis, o día 12 de outubro de 1923, un mes despois do golpe, constituíuse o Seminario de Estudos Galegos e deu comezo unha das xeiras máis interesantes do renacer cultural galego, co apoio, por certo, das deputacións e concellos do momento. Esta centralización no esforzo cultural, deu nestes anos, un período sumamente frutífero, tamén, na literatura. Lembramos, algunhas obras saídas nos tempos da ditadura de Primo de Rivera : De Castelao, Cousas (1926-29), Cincuenta homes por dez reás (1925); de Otero Pedrayo, Síntese xeográfica de Galicia (1926), Os camiños da vida (1928), A lagarada (1928), Pelerinaxes (1929), Arredor de si (1930); de Vicente Risco, O lobo da xente (1925), O porco de pé (1928) etc. etc.  (Durante os tempos da II República, como os actores eran os mesmos e estaban máis noutra cousa, a súa produción literaria foi menor). Ademais, cando renace a revista, agora cunha periodicidade regular, en 1925, da man profesional de Ánxel Casal e Leandro Carré (desde a editorial Lar da Coruña, inicialmente) seguía a ditadura primorriverista plenamente activa. Así, pois, o peche en xullo de 1923 nada ten que ver cunha ditadura que aínda non existía.

A EXTINCIÓN FINAL DA REVISTA 

O certo é que o último número que se distribuíu con regularidade foi o correspondente a maio-xuño de 1935, máis dun ano antes do inicio da guerra. O derradeiro número, nominalmente de xullo a decembro de 1935, non chegou a distribuírse como proba o feito de coñecermos na actualidade só dous exemplares. A verdade é que no clima prebélico que se vivía daquela en España, as cousas non funcionaban con fluidez, e a imprenta Nós de Ánxel Casal, xa establecido en Santiago, estaba noutros moitos asuntos. Incluso, creo, a inclusión de anuncios publicitarios na revista Nós, nos números de marzo e abril de 1935 de Nós,  de SER Semanario Gallego de Izquierdas, publicados na propia imprenta homónima, debeu elevar a tensión existente desde meses antes entre Risco e Casal e que vemos translucida en varias cartas cruzadas entre Risco e outros intelectuais. Atallando, Risco tiña medo que Casal lles acabase “roubando” a revista.  Total, que Nós desaparece, de facto, no verán de 1935 aínda que imprima no segundo semestre de 1935 un exemplar séxtuple (xullo-decembro) que, como diciamos, non se chegou a distribuír. É de destacar tamén, que este número, leva un pórtico curioso e estraño: unha homenaxe da Asociación de Escritores ao editor, Ánxel Casal... “xerente desta revista, fundador da editorial Nós, editor patriota, intelixente e xeneroso...”. 

A imprenta, nese momento avolto, era a que producía os panfletos de todos os grupos de esquerdas, do Frente Popular e anarquistas. Incluso un do POUM (Partido Obrero de Unificación Marxista) asinado o 16 de xullo de 1936 que convocaba a un mitin o día 18, e que remataba “¡Contra la colaboración de clases!, ¡Por las alianzas obreras! ¡Viva el marxismo revolucionario!” En fin. Mala data para imprimir tal panfleto, e con pé da imprenta Nós. Obviamente, o asasinato de  Ánxel Casal (e doutra ducia de colaboradores da revista Nós) polos fascistas, non foi por teren colaborado coa revista máxima de cultura galega, por moita antipatía que lles espertase aos novos mandamais políticos, senón por outras facetas e militancias das súas vidas, como a de Casal, alcalde do Frente Popular en Santiago, desde febreiro de 1936. Si. Entre os máis de douscentos colaboradores de Nós, hai unha ducia de asasinados, (de Ourense Arturo Noguerol, Manuel Fuentes Canal, Modesto López Teijeiro e Isaac Forneiro Barandela), un par de ducias de exiliados, pero tamén hai outros (Risco, Cunqueiro, Filgueira, Euxenio Montes,  Noriega Varela, Francisca Herrara Garrido, etc.) que colaboraron activamente nas novas circunstancias por razóns de supervivencia ou convicción. 

Así pois, a malfadada Guerra Civil acabou coa Imprenta Nós ─que, por certo, non foi queimada, senón asaltada, incautada e vendidas as máquinas da Rúa do Vilar 15 de Santiago─; acabou coa editorial  Nós, e tamén, claro está, impediu que se desen as circunstancias para que puidese chegar a revivir a desaparecida, de facto, revista Nós.

Te puede interesar