O Centro O Viso é o gañador do Premio Pedra Alta no 2019

prem_result
photo_camera Os 16 integrantes do Consello Asesor que votaron por unanimidade a concesión do premio.
O Consello Asesor do Museo da Limia acordou por unanimidade distinguir a esta entidade social

O Consello Asesor do Museo Etnográfico da Limia concederá ao Centro de Desenvolvemento Rural O Viso o terceiro Premio Pedra Alta. Este distintivo ten como finalidade recoñecer, en vida, o labor de persoas e institucións que, ao longo de toda unha vida, teñan sido claves no desenrolo social e histórico da comarca da Limia. 

Dezaséis dos 34 membros que asistiron á asemblea de carácter extraordinario celebrada onte sábado en Vilar de Santos acordaron, por unanimidade, distinguir este ano ao CDR O Viso, con sede en Lodoselo -Sarreaus-, pero tamén en Xinzo de Limia, e que contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas máis vulnerables e dos maiores, ao tempo que defende e loita activamente pola posta en valor do rural. Neste último punto o Consello Asesor do Museo da Limia loubou o papel de O Viso á hora de promover "accións globais de carácter social, educativas, informativas, económicas, de formación e emprego, para que a comunidade que ten ansia de facelo poida permanecer cómodamente e dun xeito activo no lugar preferido, no propio medio onde sempre quixo estar, coas mellores condicións e cunha maior dignidade e calidade de vida".

O Consello Asesor ensalzou especialmente a Antonio R. Corbal e a Carmen Bohórquez, "decididos impulsores e motores infatigábeis da iniciativa do Centro de Desenvolvemento Rural, acompañados doutros moitos animosos do proxecto sempre dispostos a colaborar en tan nobre tarefa". 

O promotor do CDR -fundado en 1990-, Antonio R. Corbal agradeceu o distintivo e fíxoo extensivo a "todas as persoas que traballan na entidade, ás que participan nos nosos programas e aos que nos proporcionan as subvencións". 

Corbal asegurou que "o feito de que os teus propios veciños che dean un premio o valoro máis que se viñese dende moito máis lonxe ou se fose dunha institución moito máis grande", dixo. "Recibín este recoñecemento con moitísima satisfacción ", engadiu. O Viso comezou como unha asociación, e para Corbal trátase dun recoñecemento "ao que se fixo toda a vida. O feito de ser e colaborar entre toda a veciñanza. O camiño é facer piña e loitar por unha comarca mellor".


Tres décadas de traballo na Limia 


O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso comezou a súa andaina como asociación e formalizou a súa actividade en 1991. O seu primeiro traballo foi a rehabilitación da vella escola de Lodoselo e continuou coa recuperación das festas e os costumes populares. Hoxe, esta entidade de carácter social é un referente no ámbito educativo e ambiental, así como na promoción do entorno rural. Para esta finalidade, contan con diversas iniciativas como o pobo escola, o albergue, a aula da natureza, a educación infantil na Limia e unha casa niño. O CDR tamén traballa a agrogandaría e o mantemento da diversidade e da paisaxe.

Por último, desenvolven un programa de atención á comunidade con servizos de proximidade e con proxectos como a vivenda comunitaria ou o centro de inclusión. Tamén se ocupan de promocionar o comercio xusto e consumo responsábel, e contan con programa de voluntariado.

Te puede interesar