la revista

Chove miudiño

Lluvia fina, de Luis Landero, mergúllanos nun retrato de familia onde non todo é o que parece e por onde transitan os rencores non resoltos que van actuando como o orballo que todo o empapa.

Eu lera que este libro de Luis Landero de quen aínda chega a mín, en momentos de saudade lectora, o regusto de Un balcón en invierno, un dos mellores títulos de ¿autoficción? (fico curto) dos últimos anos, tiña que ver coa desfeita familiar de imposible refeitura nunha xuntanza levada adiante ano despois. E que eses cónclaves, sobre todo se hai alcohol polo medio (entre musulmáns ou mormóns, persoal analcohólicos como ben sabemos, os detonantes serán outros) resultan pouco fructíferos cando non extenuantes. Hai algún relato de Joyce ao respecto, nado –el si-  en terra de bebedores do máis estimulante. E o conto é que a novela de Landero ten que ver co que prometía. Mais o certo é que Landero, realista como é, mais dun realismo melancólico cal o atribuido a Cunqueiro polo Profesor Tarrío (xenio da crítica que combina academia con batalla), fuxe das belicidades, con ou sen armas, ao menos as explícitas. Sendo o seu un estado de guerra latexante que se deixa ver por enteiro cando saltan polo aire as madeiras da nao que non pode senón terminar afundindo no mar da perplexidade. 

Eis o talento do autor de Juegos de la edad tardía, aquela explosión de intelixencia que chegaba onde o realismo non ousara entrar xamais. Un libro de 1989, ollo, cando a literatura precisaba dunha volta de tornelo para que os tempos estivesen, de verdade a mudar. E iso fixo aquel libro máxico e fantástico, moito máis debedor de Cervantes que do chamado realismo-máxico. E por eses derroteiros, ben que temperados, rola a alfombra voadora deste home, xefe e único habitante do universo landeirano. Pola sinxela razón de que semella moi difícil mimetizar a un autor que narra unha historia de familia de imposible retorno ao mundo perdido.

E é que, como dixera Tolstoi, todas as familias felices semellan a mesma cousa. Son as desgrazadas as que aportan un material literario diferente. A cita, certo, non é textual. Mais Luis Landero (Alburquerque Badajoz, 1948), tampouco. Quero dicir, tampouco se cingue ao texto nin á vida mesma. Por iso, precisamente por iso tan desfrutable esta historia de amor, aventuras e desventuras. Mais bizantina que sentimental. Os personaxes de Landero tentan enganarnos. Non o dan conseguido.

Te puede interesar