LITERATURA

Chove no mar

Unha escolma da poesía galega contemporánea que abrangue tres xeracións poéticas: a do 68, a do 75 a de fins de século, cun remate protagonizado por catro mulleres

Facer unha escolma non é doado. Por riba disto é, aínda e metafóricamente, perigoso. De maneira que o antólogo, neste caso quen isto asina (e que se fala aquí do seu traballo é porque se botou a un lado á hora de escolmar poetas,  delicadeza como aquela polo que o poeta perderá a vida), xa ten mercado un casco nunha tenda de efectos militares; por iso. Mais, brincadeiras fóra, os vinteséis poetas que aquí están, de Luz Pozo Garza, a máis veterana, a Antía Otero, a máis nova, son producto dunha selección “de autor”. Si, xa sei que esta é unha expresión da que se abusa, cociña, xornalismo “de autor”, etc., pero entendo que desta volta fai sentido. Pola razón de que a selección non seguiu máis criterio que o do propio escolmador. Que, a maiores, quixo que a palabra “antoloxía” fose seguida dun artigo indeterminado, á inglesa. De xeito que se trata “dunha” escolma da poesía galega contemporánea, para que cadaquén poida completala seguindo os seus argumentos (se os tivese, lástima fora). Que abarca, Pozo Garza e Franco Grande á parte, tres xeracións poéticas, a do 68, a do 75 e a de fins de século. Dando así un arco, da vella tamén, se se quere, xeracional ben amplo.

Que é ao que debe aspirar unha escolma radical, de raigames, claro, como esta. Na que ao lado de xente tan indiscutible como os citados, ou Manuel Vilanova, Álvarez Cáccamo, Chus Pato ou Fernán Vello, xorde xente que adoita ser obviada neste tipo de convocatorias. Normalmente porque a súa ausencia xeográfica de Galicia non fai senón afastalos da “pomada”. Por exemplo: Domínguez Rey, Alfonso Armada ou Fátima Rodríguez. O remate da escolma é, para algúns, o máis potente. Con catro mulleres que se chaman María Lado, Dores Tembrás, Diana Varela Puñal e Antía Otero. E é que as poetas hai tempo que veñen subliñando por onde vai a poesía galega. Ou iso é o que eu entendo. Desde unha observación moi directa da nosa poética nos últimos corenta anos. Nada que xustificar, pois, senón sinalar. Polo demais tempo e espazo fican para que esta escolma se mellore. De momento chove no mar, que ese é o título que quixen para a miña antoloxia. O que sen deixar de ser un pleonasmo é tamén evidencia dun silencio fermosísimo. Un silencio, eis o caso, clamoroso. Por iso.

Te puede interesar