Universidad

Ciclo de charlas para incidir na presenza do galego na rede

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación retoma a celebración do Día das Redes Galegas, unha xornada dirixida a analizar a importancia das redes sociais dentro da comunicación do século XXI e o papel que estas poden xogar á súa vez na difusión do galego. Este evento, que adoitaba celebrarse nas semanas previas ao Día das Letras Galegas, reconvértese agora no ciclo de coloquios virtuais Redes Galegas que, a través de Campus Remoto, terá lugar este xoves, día 29, e os días 5 e 12 de novembro. Nestas tres xornadas, diferentes profesionais relacionados coas redes sociais e a comunicación dixital afondarán en cuestións como a presenza da cultura galega en internet ou no uso das redes sociais como un xeito de achegar o idioma ás novas xeracións. 

"Tratándose dun evento sobre redes galegas, que mellor ocasión que esta para levalo totalmente á rede?", salienta o profesor Alberto Dafonte, coordinador xunto con Andrés Fraga dun ciclo que conta co patrocinio da Área de Normalización Lingüística da Universidade e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O obxectivo é que os relatores "nos conten algo dos seus proxectos e traxectorias", para posteriormente establecer un "diálogo entre moderador, participantes e público", nuns coloquios programados para ás 20.00 horas.

Te puede interesar