Opinión

Co bonito que é todo

Pois si. Pois xa estou aquí. Cheguei de ver o partido e non me quedei por aí. Hai xente que se queda por aí. Eu, despois de dúas horas e media, volvín. Que pintaba por aí! Na casa fago cousas. Quizais cousas sen importancia, pero sempre fago algo. É dicir, escribir, ler e ver películas. Coidadiño é, non é moco de pavo. Outros quedan por aí, e quedan a velas vir. Ou a beber máis da conta. Ou a berrar ata pelexar. Porque cando nos alteramos convertémonos en malas persoas. Co bonito que é ser un cacho de pan. Escoitar música. Por exemplo, a Procol Harum. Mirar para as paredes tamén é bonito. E ver películas. Isto si, isto si é bonito. Ata é bonito ver  películas malas. O caso é a opción esa de ver películas. Oh, as películas! As películas transfórmanme, lévanme por eses camiños que marcan uns guionistas ou uns personaxes. Certo, certo; a lectura quizais sexa aínda outra opción aínda máis bonita. Porque nas películas ves o que che ensinan, ves todo feito. Pero nos libros, ai nos libros; nos libros es ti o que imaxina todo. O autor pon aí un personaxe e ti, ó momento, xa o debuxaches na túa mente. Mover os pés ó ritmo de AC/DC tamén é bonito. Polo menos espallas o estrés por toda a casa. Quen ten estrés, oh, quen ten estrés? Co bonito que é todo.

Te puede interesar