Imprimir

Coa axuda das bombas de palenque

Chito Rivas |

Chito Rivas | 29 de mayo de 2020

Estudei Filosofía e Letras na Universidade de Salamanca e rematei a carreira realizando unha tese sobre a composición, distribución ou situación dos versos, ou sexa, por que un verso vai por debaixo do outro. Ó final, e como todos sabedes xa, fíxenme astronauta. Porque fóra do meu entorno natural (chamémoslle familiar, social, comunitario...), só hai dúas cousas polas que morrería a gusto: escoitar o ruído do mar e viaxar polo espazo sideral. Os astronautas, xeralmente, parten ou despegan desde Cabo Cañaveral, alá nos Estados Unidos; pero segundo o meu amigo alieníxena aterrou na Pitediña, en Baños de Molgas, por que eu non podería despegar desde aí ou incluso desde o alto da Chaira. Dito e feito, con medio cento de caldeiros de lata armei unha pequena nave espacial. Marchei a Xinzo de Limia a mercar un cento de bombas de palenque; para buscar axiña ó meu amigo Isauro Romero, que tiña algo de fogueteiro. A ver, de algo lle tiña que valer ser o fogueteiro oficial da misa e da procesión do San Salvador de Baños de Molgas. Púxeno ó tanto do asunto e, que queredes, fíxolle ilusión. Marchamos para a Pitediña e antes de meterme no foguete, pillei unha rula que había alí nunha silveira para que fose testemuña da miña fazaña, e por algo de compaña, todo hai que dicilo. Sabía que a xente, por se aquel, contemplaba o despegue desde o cemiterio parroquial, que eran as mellores vistas. Díxenlle a Isauro que ás en punto lle puxera mecha ás bombas de palenque. Deille un bico á rula, escoitei o estrondo e as bombas de palenque mandáronme ó espazo infinito.
Puede ver este artículo en la siguitente dirección https://www.laregion.es/opinion/chito-rivas/coa-axuda-das-bombas-palenque/20200528223217949229.html


© 2020 La Región

© La Región S.A.

Contenidos con licencia Creative Commons