UNIVERSITAS

Coa saia da Carolina faise arte na Facultade de Belas Artes

g1_result
photo_camera A Sala X acolleu o acto de inauguración da exposición 'Rimas polo mundo'.

A Sala X acolle ‘Rimas polo mundo’, integrada por obras inspiradas en cancións populares

 Reinterpretar desde a arte unha canción popular, plasmar de xeito gráfico aquilo que transmite unha peza musical que representa unha cultura e unha tradición. Eses eran os obxectivos dun proxecto internacional de edición gráfica que desde esta xornada amosa os seus resultados na Sala X. Na exposición Rimas polo mundo, que ata 29 de maio se poderá ver neste espazo expositivo da Facultade de Belas Artes, reúnense os gravados ou serigrafías realizadas polo alumnado de doce facultades e escolas de arte de oito países, entre os que se atopan 18 estudantes deste centro do campus pontevedrés, que achegan á mostra as súas visións da Saia da Carolina, a canción infantil Debajo de un botón e da panxoliña Hacia Belén va una burra.


“Esta é unha exposición con banda sonora”, resaltou o coordinador da Sala X, Ignacio Barcia, dunha mostra comisariada pola profesora Anne Heyvaert, no acto inaugural no que estiveron acompañados polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e pola vicedecana Susana Cendán. De feito, ademais das obras que ao longo do presente ano se irán exhibindo en todos os centros participantes no proxecto, a exposición complétase coa proxección dos vídeos nos que os estudantes participantes interpretan as cancións que escolleron.


Elixín A saia da Carolina porque é unha canción que forma parte da miña vida desde nena”, apunta Rebeca Cabaleiro, unha das estudantes participantes nesta exposición, á que achegou unha peza baseada “no que visualizo cando escoito unha canción que me trae moitos recordos”. Non en van, a clave deste proxecto é que “faiche repensar algo que forma parte da túa cultura”, como engade Yolanda Covelo, que optou por Hacia Belén va una burra para a súa obra. Neste caso, “porque era a que mellor se adaptaba á temática na que veño traballando e que se centra nas feridas e nos cortes”, desta volta representados a través dunha virxe, dados os motivos relixiosos da peza. Unha panxoliña pola que tamén se decantou Sheila Boullosa, unha alumna que colaborou tamén na montaxe desta exposición, na que amosa “unha estampa máis persoal, neste caso da miña avoa”, inspirada precisamente nos recordos que lle achegaba esta canción.

Te puede interesar
Más en Universitas