Opinión

Coa venda nos ollos

A negativa de varios grupos políticos a abrir unha comisión de investigación e a postura da fiscalía do Estado sobre asuntos turbios coñecidos despois das declaracións de Corinna sobre os manexos e representacións que implican ó rei emérito, son merecentes de moitas opinión das que resulta difícil absterse. 

Para os que superamos os sesenta, lembramos que, de nenos e incluso de mozos, mentar ou criticar o xefe do Estado tiña certo perigo. Eran outros tempos e naquela sociedade todo estaba pouco menos que sacralizado. 

Chegada a transición política, co novo rei, as loas ó novo xefe das Forzas Armadas foron constantes. Pois todos tíñamos ansias de saír das escuras e tristeiras sombras da ditadura e, segundo se insistía nos medios, el era o principal valedor. Así que fraguouse a figura dun rei que era moi aceptada popularmente entre a xente. E, a partires dese momento, houbo certo consenso entre a xente dos medios de información para non tocar con novas, chamémoslle, críticas ó novo monarca. Novas que puxeran en tela de xuízo á institución. Polo tanto, dende aquela, todo foi un silencio cómplice, que convertíase nunha loa permanente á figura de Xoán Carlos como artífice dunha transición din que modélica, para deixar atrás os corenta anos da longa noite de pedra.

Pero, anos despois, un runrún que logo resoou nun libro do sr. Anasagasti, deixaba caer pingas escuras sobre o monarca que soaban moi mal. Novas que apuntaban ó que co paso do tempo saíu á luz. Agora, desmitificaba a figura dun monarca que, entre outras lindezas, seica foi un golfo e ten na súa andaina vital moitas cousas agochadas e escuras, decae en aprecio un persoeiro que nin foi tan santo nin tan bo rei como se nos vendía. O pacto de silencio nos medios públicos caeu ó chan cando saíu a luz o caso Nóos. Logo, coas fotos da cacería de elefantes acelerouse a renuncia do Borbón. E as cousas empezaron a mudar, pois aquelo que era extraoficial convertese en verdade, e a milleiros de cidadáns caeulle a venda que lle impedía ver a realidade. O noso rei, o agora emérito, ten tras da súa andaina de xefe de Estado un lado escuro como tantos mortais. E, despois de sabelo, todos nos decatamos de que a lei non é igual para todos. Como presumíamos, o monarca estaba e está por riba dela. Ou sexa, que segundo din os que saben destes asuntos e as súas trampas, resulta que o home era inviolable antes e parece que tamén o seguirá sendo.

Mais, a sociedade de hoxe non é a de hai cincuenta anos, e como hai que fiar máis fino, as preguntas saen a cachón como a auga dunha fervenza. Ter que tragar, a día de hoxe, que un señor ó que ninguén elixiu estea por riba de todos e sexa inviolable, parece, cando menos, un gran contrasentido, ou se o prefiren, unha anormalidade democrática. En todo caso, será inviolable cando exerza unicamente como xefe de Estado e xa lle chega ben. En fin, diante este panorama axiña aparece outra pregunta: cando as cousas de Estado están mesturadas coas cousas persoais, que pasa? Eis a cuestión. Segue a persoa sendo inviolable? 

Pouco futuro lle vexo a unha monarquía que non se poña a altura dos tempos; unha institución que non deixe de lado privilexios absurdos como o da inviolabilidade. Unha monarquía que nin sequera exerce o papel de árbitro en cuestións de conflitos políticos serios, como os que ten o estado hoxe. Vivimos moitos anos, por mor de pactos segredos, coa venda nos ollos. Pero ese tempo rematou, e a monarquía dos Borbóns, ou se adapta ás esixencias dos tempos ou pouco futuro xeracional terá. E se non, ó tempo.

Te puede interesar