OURENSE

Coles reparará os accesos en Sobrado e A Telleira

<p></p>
photo_camera Núcelo de Sobrado, Coles, onde se arranxará un acceso.

En Vilamarín iniciarán a limpeza e bacheado da estrada a Delvezón 

Coles e Vilamarín mellorarán de cara ao verán distintos camiños municipais en distintos núcleos, nos cales investirán entre ambos concellos máis de 100.000 euros.

No caso de Coles, investiranse 48.000 euros do Plan Marco, subvención que chega da Consellería de Medio Rural, que servirá para mellorar o acceso á zona de Sobrado, en Cambeo, e tamén ao núcleo de A Telleira, mentres que nos vindeiros días tamén sacarán licitación máis melloras en Telleira Pol e Lavandeira, confinanciadas pola Deputación, cun custe de 90.000 euros.

Mediante as obras proxectadas, o Concello de Coles pretende seguir unha liña de "dotar e reforzar o tecido social e mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, e fixar poboación promovendo accións encamiñadas a conservar e mellorar accesos", di o alcalde, Manuel Rodríguez.

No caso da Telleira, acondicionarase o acceso desde A Magdalena, cunha rexeración do pavimento actual, cunha nova capa de rodadura.

No acceso a Sobrado, tamén se mellorará unha estrada municipal, actualmente deteriorada e en "pésimas" condicións de uso, como se recoñece no propio proxecto municipal.

Por outra banda, en Vilamarín, a obra prevista será no camiño municipal que enlaza a capital municipal con núcleo de Delvezón, Mellorarase o firme existente e tamén as súas marxes, con limpeza das cunetas e reforzo dos terrapléns, cun custe de algo máis de 53.000 euros.

O estado actual da estrada fai necesario realizar de forma urxente labores de mantemento, xa que se atopan deterioradas, "tanto polo uso como polas condicións climáticas", segundo indica o redactor do proxecto.


25 prazas nas brigadas


A Mancomunidade de Santa Águeda –na que están Coles e Vilamarín, ademais dos concellos de Amoeiro e A Peroxa- sacaron onte a oferta de prazas de cara a cubrir os postos para as brigadas de prevención e defensa de incendios forestais. En total, ofertan 25 prazas, en convenio coa Consellería de Medio Rural e do Mar.

Os postos ofertados pola mancomunidades son cinco xefes de brigada, cinco peóns condutores, e 15 peóns. Estes traballadores farán labores na época do verán de forma exclusiva, xa que os contratos teñen unha duración de tres meses.

Estas brigadas terán entre as súas funcións as de atender os incendios forestais que se produzan dentro dos límites destes catro concellos, e tamén particparán na limpeza das marxes das estradas municipais para o cumprimento das faixas de protección. Sempre terá que ter prioridade, iso si, as tareas de extinción por riba da limpeza.

A contratación de brigadas conxuntas vén sendo algo habitual desde hai anos na mancomnidade, co obxectivo de mellorar a eficacia das mesmas. 

Te puede interesar