baixo limia

O colexio de Lobios acollerá unha feira científica infantil

alumnos en lobios
photo_camera Alumnos de Lobios durante unha saída para facer experimentos relacionados coa orientación.

Os alumnos amosarán as conclusións dos experimentos desenvolvidos ó longo de todo o curso

O CEIP do Xurés de Lobios converteráse no escenario da primeira edición da Feira de Ciencias, na que os alumnos do centro amosarán as conclusións do medio cento de experimentos desenvolvidos ó longo do curso escolar que agora remata. Os pequenos científicos basearon os seus traballos en cinco grandes áreas de coñecemento: orientación, flora, fauna, clima e xeoloxía. Mediante saídas de campo e traballos nas aulas, os alumnos de Educación Primaria aprenderon as nocións básicas que compoñen un experimento científico, como son as hipóteses e probas posteriores. 

A cita terá lugar o vindeiro venres, día 14, e contará coa participación dos colexios de Xinzo, Bande, Entrimo e Padrenda. Un total de 150 escolares sumados ós familiares dos alumnos de Lobios encherán o centro durante esta xornada para asistir á repetición dos experimentos mellor acollidos polos pequenos. Está previsto que a visita polos oito stands que comporán o evento se prolongue durante toda a mañá, se ben tratarán de que a estadía en cada parada non supere os 15 minutos para facilitar o acceso de tódolos asistentes ós experimentos dos pequenos científicos. Dende o centro salientan a boa acollida que tivo a iniciativa entre os alumnos, así como a súa implicación nos traballos.

Te puede interesar