educacion

Nove colexios celebran o Día das Árbores, da Auga e a Poesía

A Insua dos Poetas é o lugar onde se plantarán árbores e se inaugura unha escultura de Acisclo Manzano

Máis de 300 alumnos de nove centros educativos da comarca do Carballiño e un de A Estrada participarán este mércores na VII Celebración do Día das Árbores, da Auga e da Poesía, que terá lugar ás 11,00 horas, na Insua dos Poetas, na Esgueva (Madarnás - Carballiño). Os escolares realizarán diversas actuacións como pequenas representacións e recitales de poesía, ademais de participar na plantación de árbores autóctonas, unha por cada centro, ao final do acto. Trátase dos colexios públicos do Irixo, Beariz, Maside e Boborás; dos colexios Sagrado Corazón e Vila do Arenteiro do Carballiño; dos institutos Chamoso Lamas e Nª 1 do Carballiño, e do colexio público de Foxo A Estrada. 

As árbores plantaranse aorredor da peza escultórica Calíope, Musa da Poesía, que é obra de Acisclo Manzano, e que se inaugurará aproveitando esta celebración, tal e como se fixo coas obras de outros artistas durante as pasadas edicións,

O presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar, será quen dé a benvida aos asistentes, sendo o coordinador e presentador do acto o director do CEIP do Irixo, Carlos Bericat.

Entre as autoridades convidadas, teñen confirmada a asistencia o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. O comezo está previsto para as 11,00 horas, en que falará Luis González Tosar, que dará paso aos diferentes grupos de rapaces que farán as súas actuacións no escenario da Insua dos Poetas. Seguidamente, destaparase a escultura de Acisclo Manzano e intervirán as autoridades, antes de proceder a plantar as árbores.

Te puede interesar