Imprimir

“Cómaros" rinde homenaxe ao sociólogo Juan Luis Pintos

Redacción | Universidad | 15 de mayo de 2019

A publicación de carácter anual tamén inclúe artigos sobre Vicente Viqueira e a democracia

"Cómaros". Revista Interdisciplinar de Pensamento Galego dedica o seu último número ao sociólogo e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Juan Luis Pintos. Co gallo do seu cabodano, a publicación reúne catro textos nos que se fala da súa traxectoria, obra e achegas, especialmente no eido dos imaxinarios sociais. O volume complétase con dous artigos sobre Vicente Viqueira e a democracia.

A revista Cómaros, de carácter electrónico e periodicidade anual, naceu en 2016 para tentar “servir como nó estruturante de todo o pensamento galego” apostando, entre outros aspectos, por potenciar os ensaios centrados en temáticas relacionadas con Galicia. A súa dirección corre a cargo de David Casado, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense e investigador do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da Universidade de Vigo; e de Juan R. Coca, do Gir Trans-Real Lab. da Universidad de Valladolid. A publicación conta cun comité editorial e un comité científico que agrupan a persoas espalladas por un amplo abano de institucións educativas e de pensamento tanto galegas como foráneas.

Este número da publicación, comenta Casado, “é un número especial de lembranza tendo en conta que este mes de maio se cumpre un ano do pasamento de Juan Luis Pintos”. Segundo explica, o sociólogo falecido “era un dos grandes referente a nivel internacional no tema dos imaxinarios sociais”, sendo director da revista Imagonautas e fundador do Grupo Compostela de Imaxinarios Sociais. Ademais, subliña o profesor da Universidade de Vigo, Pintos tamén destaca por ter deixado “unha fonda pegada na formación de toda unha andaina de sociólogos e antropólogos que pasaron polas súas aulas”.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/universidad/comaros-rinde-homenaxe-ao-sociologo-juan-luis-pintos/20190515195317872055.html


© 2019 La Región

© La Región S.A.

Contenidos con licencia Creative Commons