Ás 23,30 horas, a vila entra oficialmente na súa época máis festiva do ano
Chegou o día. De xeito oficial arranca na noite de hoxe, dende as 23,30 horas, o entroido da vila de Verín coa xa tamén tradicional cita de compadres da localidade. Tras as típicas ceas nos restaurantes, os compadres percorrerán, ataviados cos seus característicos "chapeus", bigotes e gabardinas, as rúas Montemaior (saída), Praza Maior, Cruz, Praza da Mercé, Laureano Peláez, Irmáns Moreno, Deputación, Luís Espada, Lisa e Praza Maior onde, entre o estrondo dos petardos, celebrarán o xuízo e a queima do Maragato.
Pregoira do 2018
Por outra banda, e como novidade neste 2018, ás 13,30 horas do domingo terá lugar na Praza Maior o Pregón do Entroido, que este ano correrá a cargo da entroideira verinesa Mercedes Astorga, unha das principais impulsoras do “Xoves de comadres” na vila.