Opinión

O CONCELLO ESMORECE, DE QUEN É A CULPA?

Aguanto na cola máis de media hora para rexistrar unha solicitude no Concello. Diante miña, unha muller, penso que emigrante, tamén espera. Mírame con cara de cansancio e resignación. Na porta de entrada, dous rapaces actúan como gardas mandando pasar ós que agardamos pra facer algún trámite. Saen e entran funcionarios e tamén algúns concelleiros. Falo cun deles e pregúntolle como vai o tema da moción. Responde que os populares pretenden cargarlle a culpa ós socialistas por non cambiar o cabeza de lista. Respóndolle que poucas solucións hai diante tal deriva. Con todo, coméntolle que soamente queda mover á cidadanía pra presionar ós que poñen trabas e contan trolas para asinar unha moción de censura sumando soamente a sinatura dun concelleiro.

O meu interlocutor non parece disposto a xogar a baza de comenzar a implicar á cidadanía. Coméntolle que hai que explicarlle ós cidadáns as razóns que moven ós que puxeron á Jácome na alcaldía e que son os que o manteñen. Si, os mesmos que tentan invalidar un candidato que foi elixido polos veciños nas urnas e que é o máis votado. Remata a conversa. Sigo a esperar para pasar ó rexistro. Mentres penso e doulle voltas á pouca valentía de querer implicar á cidadanía na situación que vive o goberno desta cidade e que vai camiño de apodrecer.

Logo na miña mente comezan a saír á luz moitas cousas que dixeron os populares e que son totalmente contraditorias co que fan a día de hoxe. A primeira foi a campaña que fixo o PP para que a lista máis votada e o seu cabeza fora elixido alcalde en todas as corporacións. A segunda, que pra min é a máis sangrante e inxusta, é a que censura ó candidato elixido nas urnas con máis votos e representación. 

O panorama na cidade, de non mobilizar á cidadanía explicándolle con claridade o que está a acontecer para elixir alcalde, e que grupo político traba a moción de censura, camiña cara un enquistamento de anos. E de seguir así, todos os ourensás sairemos perdendo. Por eso, moitos cidadáns facémonos estas preguntas: importalle algo este concello ós populares cando eles son a chave pra elixir alcalde e impiden co seu filibusterismo que a lista máis votada acceda á cadeira de mando? Quen da a orde pra que non se asine a moción? Como é posibel que importen máis os soldos dos concelleiros que estaban liberados do PP que a situación actual do goberno? Onde está a ética e a bonhomía desta xente? Importan algo os problemas da cidadanía? Onde está a Ourensanía que predican dende o Pazo provincial? Estas preguntas deben ser aclaradas para que todo o mundo saiba a que aterse. En fin, despois de media hora longa de espera, os mozos de azul escuro que custodian a porta principal indícanme que podo pasar a rexistrar o papel. Loado sexa. 

Te puede interesar