Opinión

Concellos ou microparlamentos?

Sabemos todos que baixo o rubro de “democracia” se acubillan realidades distintas. Desde os 650 distritos unipersoais do Reino Unido nas xerais, onde un partido pode ter o 90 por cento dos deputados con menos do 50 por cento dos votos, ata os “bonus” de 50 escanos ao partido gañador, dos gregos, para facilitaren maiorías absolutas. Hai sistemas monárquicos, republicanos, centralistas ou federais, presidencialistas ou non, e chamámoslles democracias a todos, en base, fundamentalmente, ás liberdades garantidas de que gozan os cidadáns. En calquera caso, a forma que adquiriu a nosa democracia e que leva funcionando máis de corenta anos é perfectible e débese adaptar aos tempos para facilitar a gobernanza so pena de converter as eleccións nun fin en si mesmo, e non nun xeito de favorecer unha xestión participativa e eficaz. 

Eu son da opinión que o sistema das municipais debería ser moi distinto das outras eleccións, porque a natureza é moi distinta. Os parlamentos -sexan europeo, español ou galego- teñen unha función lexislativa -por iso se fala de lexislaturas- elaboran normas e controlan o executivo, e existe a posibilidade de censuras e adiantamentos electorais. Pero as eleccións locais son a tempo taxado -catro anos, sen posibilidade adiantar convocatorias- e con función organizadora e executiva, por iso se fala de mandatos e non lexislaturas. Ou sexa, os concellos non están para reproducir as loitas políticas a nivel local nin para usar os plenos como amplificadores dos temas máis universais e variopintos como tratan de facer algúns sempre. O traballo do Concello debería ser en exclusiva facer cidades máis vivibles, agradables, limpas, sas, libres, cultas e orgullosas de si mesmas. 

O que vai parecendo un pouco estraño xa é este sistema noso de eleccións indirectas a dúas voltas encubertas. Na primeira, nós eliximos representantes e na segunda, eles negocian e renegocian sen que os cidadáns teñan máis voz. Parece como se o lema ácrata de “o voto é a arma do pobo, ao votar quedas desarmado” tivese algo de certo. O malo é que de non votares, peor, outros deciden por ti. En fin, fronte a esta situación fálase de cando en vez das listas abertas como panacea. Pero eu, de partida, non creo nelas. Imaxinemos que co sistema actual, cada un de nós tivese que escoller 27 representantes entre todos os que se postularon. En Ourense, nun papel irían os 432 nomes dos que se presentaron nestas pasadas eleccións e nós deberiamos poñer 27 cruces, como as do Senado. ¿Veno viable? ¿Escollemos a persoas que nin se falan para facelas traballar xuntas? ¿Coñecemos a vinte e sete persoas adecuadas para cadanseu cargo? Non creo que esta sexa a vía.

Eu son máis partidario dun sistema no que se elixa o alcalde, con segunda volta se non hai maioría absoluta entre os dous que máis votos levasen na primeira, e logo que dispuxesen de amplos poderes para faceren os seus equipos de xestión. A primeira e última palabra, o cidadán. E cunha oposición, claro, que controlase e colaborase no tema. Seguro que moitos profesionais poderían, digamos, levar os temas de Urbanismo, Termalismo, Tráfico ou Cultura, cun goberno ou con outro, porque nas cidades, o que lles interesa ás persoas é que as cousas funcionen e a adscrición política do alcalde é un tema secundario. Por iso nuns concellos arrasa o PSOE -Vigo-, noutros o BNG -Pontevedra-, e noutros o PP -Beariz-. Ademais, cada catro anos hai eleccións e se un non o fai ben, pois cámbiase, eleccións mediante, e non pasa nada. A democracia está garantida. 

Te puede interesar