Opinión

Consellos postelectorais (im)pertinentes

Di o refrán: “Regalos moitos, visitas poucas, consello ningún”. E se iso se di da familia, non lles conto dos descoñecidos... Pero en fin, unha das funcións dos opinadores é esta: falar sen cancelas. Así que vou ó tema. Houbo eleccións. E alá fun eu votar coas miñas dúbidas (pensaba ridículo presentar aos mesmos homes cos mesmos programas) e a remoer o dito anarquista: “O voto é a arma do pobo, se votas quedas desarmado”. Pero como non son anarquista nin quero andar armado, fun e votei como sempre desde 1978. E despois vin os resultados: parecidos ou peores. Aínda se enguedellou máis a gobernabilidade pero, como a circunstancia está máis podre, cambiaron as vontades. O acordo do arrumaco Iglesias e Sánchez suporá, de saír adiante, que sairá, por primeira vez na democracia, a entrada no goberno dun partido distinto aos sistémicos PSOE e PP. Un partido que parece ter renunciado a peligrosísimos escraches ou tomas do Congreso. Ás veces, así é a historia, sóbese baixando, e ao tocar poder, e ter casoplón, piscina e fillos, pois modérase un. Que llo digan a Bildu que gobernou San Sebastián. Todo podería ter sido doutra maneira, pero foi como foi, e é como é. 

E agora conviña cambiar chip e tratar de recuperar o espírito da concordia para endereitar a situación. Non desde logo para acabar co “réxime do 78” nin nada que se lle pareza. Nin deberían tratar de asustarnos con pantasmas involucionistas. Que fixen os ollos na proa, adiante, mirando as velas e a babor e estribor pero deixando a popa en paz: os problemas só existen adiante; atrás só queda a escuma do xa foi. 

Por outra banda, o Casado ben podía mirar ben o camiño dos seus en Galicia. Ou sexa, para contrarrestar o baralle que escoita pola súa dereita, non debería achegarse a ela, senón enzoufarse máis na terra. E menos encirrar monolingües e máis comer na feira e falar coa xente. Porque no leste terá que acabar habendo en vez dun mal pleito, un mal acordo, pois na guerra e na política hai que facilitarlle un camiño de retirada ao opoñente.

En fin, sorría na campaña o Alberto Núñez cando o Abascal lle chamaba “nacionalista galego” porque sabía que mal non lle viña. A dinámica propia do conservadurismo galaico é a que é, e ten o éxito que ten. E hoxe, desaparecidos Cidadáns e sen meter o fuciño Vox, segue a ser a única voz do centro dereita galego, aínda que non cheiren cidade. E por aí, creo que sería moi útil que o PPdeG fixese cadanseu “Grupo parlamentario Populares de Galicia” no Congreso e no Senado, para, defender as cousas de aquí, e tamén, de paso, facer pedagoxía da diversidade entre os seus e entre os demais. Ollo. Danlle os números. O PPdeG ten personalidade xurídica coma o PSC catalán. Si virían ben os grupos. Nestes tempos en que o “seny” anda extraviado, viña ben fomentar o “sentidiño”. Ana Bande e Antonio Piñeiro presentaron unha moción sobre o Día das Linguas Ibéricas aprobado por unanimidade. E así, uns meses antes das autonómicas, farían máis visible ese xeito de compromiso. Alégrome de que volva o BNG, claro, a Madrid, pero imaxinen os grupos de 10 deputados e 10 senadores do PPdeG organizados con voz de seu e, tamén, outro Grupo Socialistas de Galicia cos 10 deputados do PSOE nosos en Madrid. Exemplo tamén para independentistas de por onde nace o sol. Creo. 

Te puede interesar