Opinión

Contra Master Chef Junior

Sen máis reviravoltas. O programa Masterchef junior paréceme unha indecencia. E iso que me gusta cociñar e, desculpen a pedantería, non o fago mal. Non lles son eu de cociña mixiricas; de “reducións”, “escumas” e demais trapalladas. O que fago bastante ben é o caldo con unto francés, a cachucha e o dente prensados, o puré de cenorias, as vieiras ao forno, a pescada rechea, os revoltos de grelos, cocer bois sen que se me despaten, gambóns que queden tesos e fáciles de debullar, a tortilla de patacas -á altura da do Mundial, o Frade ou o Queixo- a bica de Trives, etc. E como son moi apañadiño, vou lavando a louza ao tempo que cociño para que non se me encha o fregadeiro.

Digo isto non só para presumir senón tamén para facerlles ver que non fuxo para nada dos fogóns nin dos fregadeiros. E que o paso ben. Pero o programa Masterchef Junior paréceme, insisto, unha indecencia. Primeiro, así, en xeral, non me enche o ollo a utilización dos sentimentos e choros dos nenos para subiren audiencias. Non creo bo exemplo para eles vérense diante de xurados que xulguen a súa pericia na cociña, pois é un saltarse o proceso da natural aprendizaxe. Se eu sei facer a cachucha, por exemplo, é de abrir os ollos e facer de pinche na casa... E nin por asomo se me ocorrería o que podería ter de interese o xulgar a miña pericia ou habilidade en facer iso aos dez anos. Segundo. Versión “junior”? Para cando unha “illas dos famosos” ou unha desas de depelotados ou Gran Hermano ou bazofia similar na que os protagonistas sexan nenos? Eu créolles, sinceramente, que, en relación cos tempos, era ben mellor a televisión de Franco e da bendita Transición. Si. O que oen. Lembremos o “Estudio uno” coa súa popularización do teatro clásico; os programas de entrevistas a intelectuais de “A fondo” de Joaquín Soler Serrano... E en parte de nenos e mociños, por suposto, programas que potenciaban o que deben facer “de serie”: estudar e formarse. Os máis carrozas lembramos a cidade presumindo de ter os Maristas nas finais do “Cesta y Puntos” de 1969. En fin, non hai lugar á saudade pero si ao desagrado de, por exemplo, manipular nenos. Na cociña, que axuden e aprendan, pero non, por deus, que compitan, como se iso fose o culmen das súas vidas; non vai haber tanto comensal para tanto cociñeiro no futuro. Cociñar, como conducir un coche, sacar unhas fotos ou enfiar unhas letras para expresar unhas ideas, deben ser cousas que todos fagamos o mellor posible, sen máis transcendencia. Non hai que buscar a felicidade en ser estrelas, números un, senón en ser xente normal, preparada, o máis reversible posible para adaptarse ao que veña. Non fagamos escorregar aos nenos nas frustracións de protagonismo dos pais. Deixémolos ser nenos.

E se vostede chegou aquí, querido lector, merece saber o que é o unto francés. Seica vén das terras de Trives, di a miña sogra, que, por certo, non sabe por que lle chaman francés. Receita: Collan un cacho de unto limpo, non vello, con pouco “amarelo”, tanto como para encher pola metade un morteiro, córteno en cachiños pequenos, engádanlle a metade de sal gordo e mestúreno todo cun dúas culleres acuguladas de pemento doce, da Vera a ser posible; reméxano, esmágueno e intégreno todo nunha pasta unificada de cor laranxa. Conservase tempo e tempo, mellor nunha bóla en plástico de cociña. E se lle botan unha uña del ao caldo, ou aos peixes ou troitas fritas, é delicioso. Proben. Halles gustar.

Te puede interesar