Cortegada súmase ao programa de Vivendas Baleiras

Crea dúas bolsas, unha con vivendas en desuso e outra de demandantes de aluguer, baixo a tutela da xunta

Cortegada adhírese ao Programa de Vivendas Baleiras, que promove a Xunta de Galicia a partir dun convenio asinado entre a Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) e o Instituto Galego de Vivenda e Solo.

O pleno da corporación acaba de aprobar as bases reguladoras de dito programa co obxectivo de potenciar o asentamento de novos veciños e ao mesmo tempo a rehabilitación de vivendas.

Así, a través deste programa, o Concello de Cortegada crea unha bolsa de vivendas baleiras destinadas ao aluguer, con un prezo fixado nas bases, que será de 250 euros como máximo ao mes. 

Ao acollerse a este programa da Xunta de Galicia, os propietarios poden arrendar os seus inmobles con toda seguridade, xa que o pago está garantido por un seguro que financia a Administración autonómica, ademais de contar con outro seguro destinado a cubrir múltiples riscos.

Ao mesmo tempo, o concello tamén pon en marcha unha bolsa de demandantes, na que se poderán inscribir aquelas persoas ou unidades de convivencia que desexen optar a un aluguer.

FINALIDADE

Con este programa preténdese crear unha conexión entre os propietarios das vivendas baleiras deste municipio interesados en alugar e as familias arrendatarias. 

Os responsables municipais consideran que é importante a seguridade que se ofrece aos arrendatarios, en canto a posibles impagos por parte dos inquilinos e tamén, posibles desperfectos que se poidan ocasionar nos inmobles ocupados. 

Por outra banda, as autoridades locais tamén apuntan que os propietarios poderán optar ás axudas do Programa Rehaluga, destinadas a subvencionar obras de reformas na vivenda obxecto de aluguer.

ASENTAMENTO

"Búscase así dar mobilidade ás vivendas que se atopan en desuso e plantéxase como unha liña máis para fomentar o asentamento poboaciónal", segundo afirman os responsables municipais.

Con esta medida, as autoridades esperan que os propietarios se animen a rehabilitar vellos inmobles en desuso para proceder ao seu aluguer e así sacarlles unha rentabilidade que non teñen agora. Ao mesmo tempo de mellorar a estética dos inmobles, e enconsecuencia dos pobos onde están ubicados, tamén pode contribuír a atraer novos veciños a Cortegada, un municipio termal da comarca do Ribeiro.

Te puede interesar