O Couto Mixto elixe aos seus Xuíces Honorarios

photo_camera Un momento do nomeamento dos xuíces do ano pasado, na igrexa de Santiago de Rubiás.

O acto de nomeamento terá lugar no mes de xullo na igrexa de Rubiás 

A Asociación de Amigos do Couto Mixto, presidida por Luís Manuel García Mañá, acaba de acordar o nomeamento dos novos Xuíces Honorarios, que serán investidos no acto solemne que se celebrará o 4 de xullo na igrexa de Santiago de Rubiás.

O investigador e exalcalde socialista de Lobios, José Lamela Bautista, e a antiga mestra de Rubiás natural de Meaus, que aos seus 95 anos recolleu nun libro as vivencias daqueles anos, Concepción Sanz Ferreiro, serán dúas das figuras distinguidas como Xuices Honorarios, cuxo papel é de ser embaixadores do Couto Mixto.

Tamén obterán dito recoñecemento os concellos de Tomiño (Pontevedra) e Vilanova da Cerveira (Portugal), polas políticas mancomunadas que desenvolven para compartiren servizos públicos e poñer en valor os recursos dun e doutro lado da fronteira, promovendo iniciativas novidosas e beneficiosas para as respectivas poboacións, no marco da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

"O seu papel é ser testemuños alí onde vaian, da historia do Couto Mixto. Porque todo isto axuda a divulgar o patrimonio do Couto Mixto e arredores", explicaba Xosé González, membro da asociación que, dende hai máis de dez anos traballa pola promoción e posta en valor deste territorio único na península, que foi independente de Galicia e Portugal ata o século XIX.



gaiteiros da raia

No transcurso do acto, no que se fará entrega das credenciais, das varas de mando e da réplicas das históricas chaves de xuíces, haberá varias novidades, como a recuperación da figura dos vigairos, "aqueles que facían o traballo de auxiliar do xuíz do Couto Mixto", explica González. Un nomeamento, cunha nova concepción, que recaerá nos 26 mozos que forman parte da agrupación "Gaiteiros da Raia".

Te puede interesar