Imprimir

O Couto Mixto nomeou a tres novos xuíces honorarios

La Región | 06 de julio de 2019

Acto de nomeamento dos xuíces honorarios. (JOSÉ PAZ)
Acto de nomeamento dos xuíces honorarios. (JOSÉ PAZ)

As novas incoporacións son as da etnóloga e fotógrafa Mercedes Vázquez, a do profesor e poeta Suso Díaz e a do presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manuel Batista Calçada Pombal

A igrexa de Rubiás acolleu este sábado a cerimonia do nomeamento dunha nova xuíza e dous novos xuíces honorarios do Couto Mixto. As novas incoporacións son as da etnóloga e fotógrafa Mercedes Vázquez, a do profesor universitario e poeta Suso Díaz e a do presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manuel Batista Calçada Pombal. 

A seguir do acto de ingreso, representouse unha escenificación teatral da historia do Couto Mixto a cargo de Platea tras a que o público asistente tivo ocasión de gozar dun concerto de María do Ceo.

Ao acto, organizado pola Asociación de Amigos do Couto Mixto, asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que tamén é xuíz honorario desde 2017, e que recordou que "o Couto Mixto é un dos símbolos de unión de galegos e portugueses, de dous pobos irmáns, na historia, na lingua e na cultura".

O Couto Mixto foi unha entidade política, comparable a un microestado independente, situado no val do río Salas e constituído polas aldeas de Santiago, Rubiás e Meaus, pertencentes aos concellos de Calvos e Randín e de Baltar. En tempo das monarquías feudais, o Couto Mixto elixía por sufraxio directo dos representantes das casas o seu rexedor (xuíz) polo tempo de tres anos. Coa firma do Tratado de Lisboa (1868) os dominios do Couto Mixto quedaron baixo a soberanía de España. En contrapartida, pasaron á soberanía portuguesa as poboacións de Soutelinho, Lamadarcos e Cambedo, cuxos presidentes foron nomeados xuíces pola asociación.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección https://www.laregion.es/articulo/a-limia/couto-mixto-nomeou-novos-xuices-honorarios/20190706224441881171.html


© 2020 La Región

© La Región S.A.

Contenidos con licencia Creative Commons