POESÍA

A creatividade literaria de primavera terá premio

A convocatoria consta dun premio para poesía, outro para relato curto un máis para tradución literaria

A Área de Normalización Lingüística está á procura da creatividade literaria que agroma coa primavera. Os premios de poesía, relato curto e tradución literaria, que se convocan ao abeiro do convenio coa Consellería de Cultura e Turismo, repartirán un total de 3.600 euros entre os mellores traballos presentados pola comunidade universitaria. 

A convocatoria está aberta a todos os membros da Universidade de Vigo, porén, non poderá intervir na modalidade de tradución literaria o profesorado que imparta docencia nos graos de Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, Linguas Estranxeiras e Tradución e Interpretación. Os orixinais deberán estar escritos en lingua galega de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega. 

En cada unha das tres modalidades outorgarase un premio de 700 euros e dous accésits de 250 euros e os traballos gañadores serán publicados nun volume que editará a Universidade de Vigo. O prazo de admisión de propostas rematará o vindeiro 3 de abril e os premios entregaranse no acto institucional de celebración do Día das Letras Galegas.

Nas modalidades de poesía e de relato curto os traballos que se presenten deben ser orixinais non publicados nin premiados en ningún outro certame e o tema será libre. No que se refire á extensión, as poesías terán un mínimo de 100 versos e un máximo de 150, mentres que os relatos terán un mínimo de oito folios e un máximo de 12. Na modalidade de tradución literaria, o texto fonte será un texto literario en calquera idioma, cun mínimo de oito páxinas e un máximo de 20, cunhas características que poden consultarse nas bases.

Te puede interesar