Opinión

Crocodilos e vakamulos

Andáballes eu un día de maio de 1987 pola illa de Mikonos, en Grecia, xa paraíso gay daquela, e sei ben a data porque era a miña viaxe de noivos e nunca me cadrou casar de novo, nin volver por alá, cousas que lembraría ambas, e estando apoiado nun muro dun camiño mirando para os biosbardos, achegóuseme un paisano desinhibido e comunicativo e sinaloume unha lagartixa que había ao meu lado e eu non vira, dixo sorrindo: “Crocodilo”. Eu máis que sorrir, rin da ocorrencia do home e na broma que me gastaba a pesar da distancia cultural que parecía haber entre nós. Despois, meses despois -xa saben, “está a vella morrendo e está a vella aprendendo”- aprendín a orixe de dúas palabras: obelisco e crocodilo. 

E as dúas teñen que ver coa casualidade e co turismo. Si. Os ricos gregos de época helenística, do tempo da dinastía dos Ptolomeos en Exipto, adoitaban ir admirar as pirámides, o Nilo e esas cousas todas que hai por alá. E como seica eran moi coñóns, cando viron eses monumentos de pedra, altos, afiados e con inscricións, tantas veces arrapañados polos bizantinos, ingleses e franceses -lembremos, por exemplo, os da praza de Sultan Amhet en Estambul, da praza da Concordia en París ou da beira do Támesis en Londres- chamáronlle “obeliscos” que era como lle chamaban na casa de Atenas ou de Microlimanos ou de Éfeso, ao espeto co que furaban o cabrito e servía de eixo para o asaren dándolle voltas por riba do lume ou das brasas. Algo así como se dixesen irónica e admiradamente “carallo co espeto!”. Outro tanto seica pasou cos crocodilos. Si. Cando viron aquelas “lagartixas” descomunais, de cinco metros que seica chegan a medir, pois tamén dirían algo así como, “carallo prás lagartixas” pero en grego. Así que o bo do vellote grego aquel de Míkonos, non facía chiste ningún senón me que indicaba didácticamente como se chamaba o animalciño que tomaba o sol canda min. Así que á parte de pedir dúas cervexas (parakalódiobirás) e ordenar a ensalada sen pepino (ogi-angurí) e de dar as grazas (efjaristó), aprendín a palabra lagartixa que, como saben, é unha das máis usadas e útiles cando un vai de viaxe.

En fin, o nome de “vakamulos” non sei se viría para quedarse. Como invención, coma todas, é lexítima, pois na lingua da xente manda a xente e punto. Teñamos en conta que somos descendentes dun nugallau do século V ou VI ou así, que lle deu por dicir “boo” para non ter que mover a lingua un pouqiño polo medio, e dicir como os seus antepasados, “bono”. E se á xente lle dá por dicir “vakamulo”, pois será, pero a min non me gusta. E vóullelo razoar. Non temos que inventar palabras para todo como se o mundo non existira antes ca nós; podemos mirar como dicían, podemos aprender algo. E os adxectivos están para complementar o nome. Como lle chamamos a un xabarín grandísimo? Pois, miren que cousas, creo que o mellor é chamarlle “xabarín grandísimo”, incluso, se un fai unha elisión popular pode dicir “grandismo” se lle presta, ou tamén “moi grande”, “grande, grande” ou incluso “enorme”, pero non creo que sexa cousas de inventara substantivos para eliminar cualificativos. Unha persoa é alta, moi alta, altísima ou alta alta. E xa está, non debemos inventar “un xirafoide” ou “faroloide” e usalo como cousa normal. Nun rexistro coloquial, pode o cazador falando do colega dicir “tremendo bicho”, “grande coma unha vaca”... ou o que lle preste, pero de aí a ter que inventar unha palabra e que esta salta á normalidade, vai un cacho. En fin, hai que matalos e comelos. Sen máis. Eu faría unha festa como as de Asterix e Obelix na Praza Maior. E que lles preste. E agradécermosllo aos cazadores, por librárennos desta peste. Na medida do posible.

Te puede interesar