Opinión

Cumpre o cometido

Sen o ritmo amortuxado de “A maldición”, pero calcando todos os tópicos desa nova ola de terror oriental que nos invadiu, “Chamada perdida” (2003) defínese sen problemas como un efectivo aínda que insubstancial filme de encargo disposto a encher un pouco máis a carteira do prolífico Takashi Miike, que desde o seu debut en 1991 ata ese momento levaba xa dirixidas 63 películas. O estilo deste, a súa marca de fábrica, só se ve en algunha luzada instantánea, pero o resto é narración impersoal e bastante confusa que logra asustar nun par de escenas puntuais e que pretende manter ó espectador en vilo, sumido nunha atmosfera de intriga e misterio. Aínda que semella que case o consegue o seu obxectivo, non chega a entusiasmar moito nin a fascinar.

O filme hai que intentar miralo un pouquiño máis alá do típico terror nipón. Así, a película amosa, ademais, a crise das relacións familiares nas sociedades modernas e incluso a proliferación do maltrato doméstico infantil e entre iguais. Ó mesmo tempo, desenvolve unha severa crítica do sensacionalismo dalgúns medios de comunicación e dos “reality shows” televisivos. Engade ambientes escuros e lóbregos, escasamente iluminados, nos que ten lugar unha tramposa intriga sobrenatural, algo habitual no cine xaponés de terror, vinganza e suspense.

O problema é que Takashi Miike, ou mellor dito, os guionistas non saben como rematar a faena. Non se deciden se acabar como “The Ring” o lear máis a cousa tras semellar que todo acabara. Os seus derradeiros 20 minutos son practicamente rexeitables, pesados e prescindibles. A dirección impón un ritmo narrativo lento e en ocasións moi silencioso, que ata pode provocar fatiga e aburrimento.

Non obstante, o director consegue sacar a flote a este filme con dúas secuencias case maxistrais: a do estudio de televisión (con esa denuncia que comentaba ós medios de comunicación) e toda a estancia no hospital, un “tour” de terror incesante de case 15 minutos. Así é que “Chamada perdida” cumpre co seu cometido: a de entreter e obter un rédito comercial. A proba é que no 2005 realizouse unha secuela.

Te puede interesar