Opinión

De cartón e pedra

Osubxénero das películas de estafadores deron suficientes obras mestras ó longo da historia como para que, máis alá da suposta distracción que poidan ofrecer (que nestes casos adoita ser suficiente) calquera novo achegamento estea exposto ás sempre perigosas comparacións. De modo que, despois de “El golpe” (George Roy Hill, 1973) e dos filmes de David Mamet (“Casa de xogos”, 1987 a “O último golpe”, 2001), quizais sexa difícil sorprender con trucos malabares de semellante calibre. Así que, nestes casos, tal vez sexa mellor que o continuo salto mortal sen rede no que se converten estas películas vaia acompañado dalgunha variante social, como era o caso de “Nove raíñas” (Fabián Bielinsky, 2000), a última gran cinta do xénero.

A canadense “Sete golpes de sorte” (2004), ópera prima de Gary Yates, non aporta nada novo ó subxénero e, o peor, nin sequera entretén. Parece unha desas producións de cartón pedra que imitan en cada escena o mundo doutras películas, pero ás que se lles notan demasiado as carencias orzamentarias, con esas rúas polas que non pasa ninguén (xa sexa de día ou de noite, vese que non había moitos cartos para pagarlle ós extras) e esas oficinas de prestamistas que semellan todas a mesma.

Os diálogos de “Sete golpes de sorte” nunca resultan cribles e os seus personaxes non son máis que bosquexos, esbozos doutros personaxes mil veces representados. A estas alturas, o conto do veterano perdedor vital e a alumna avantaxada que están en débeda cuns mafiosos por unha trampa mal culminada non parece o colmo da adiviñanza, do presaxio, por moitas voltas e revoltas que se lle intenten dar ó argumento; sobre todo se segue case rigorosamente a maioría dos códigos deste tipo de cine. Así que quizabes haxa que quedarse co único salvable de “Sete golpes de sorte”: a meritoria interpretación de Kevin Pollak, que ten que conformarse con ser o protagonista só en películas tan vulgares como esta, cando este é un dos mellores actores secundarios e, por que non, principais (se lle deran os papeis) que hai hoxe.

Te puede interesar