Opinión

De pouco lle valeu

O río Arnoia, ó seu paso por Baños de Molgas, leva as augas mansas. O río Arnoia tiña fama de troiteiro. O río Arnoia, cos seus 84,5 quilómetros é o río máis longo da provincia de Ourense. No río Arnoia xa teño escrito que se afogaron algunhas persoas a principios do século XX, principalmente, a causa de caídas das cabalgaduras. O río Arnoia tamén vale para acubillo de troitas de dúas patas. Como a troita chamada Teodoro Bouzas Rodríguez, de 23 anos, e veciño do concello Baños de Molgas, que, alá por principios de agosto de 1913, cando os alguacís do xulgado de instrución de Allariz o trasladaban desde ese lugar ata o cárcere da mesma vila, déuselle por darlle sebo ós pés e viu a ocasión de pasar desapercibido debaixo dunha ponte que cruzaba o río Arnoia. De pouco lle valeu a acción (a de fuxir e a de esconderse), xa que tan axiña como o xulgado puxo en coñecemento o asunto nas mans da Garda Civil, esta saíu na súa persecución e, como teño relatado tamén noutros Pingas, a benemérita é moito benemérita en cuestión de... como dicía a canción: “síguele los pasos a esa”, neste caso, a ese. E nun chiscar de ollos, nun alustro devolvérono de novo ó xulgado.

Te puede interesar