Opinión

Débedas con Carvalho Calero

Manuel Fraga tivo moitos acertos e cometeu bastantes errores; pero non creo que a estas alturas xa non lle importe a ninguén, alguén haberá que llo teña en conta, digo eu. Un deles, ó meu entender, porque hailles moitas opinións en sentido contrario, foi o de converter o Día das Letras Galegas, o pasado domingo, nun día festivo; é dicir, facer do 17 de maio, un día non lectivo. Un día de festa que, andado xa o que vai de ano serve, ou millor dito servía -porque este ano que se queres arroz Catalina- pra coller e marchar á praia, agora que xa a temos a unha hora de distancia. 
Traducido á linguaxe da rúa: un 17 de maio no que veñan praia e canas de cervexa, veñan festa e rexoubeo, e, con todo elo, alá se nos foi un día que antes era de reflexión nas aulas e agora xa ven no que acabou sendo. Entre iso e a Cidade da Cultura deixóunola ben feita e iso ca súa intención era boa, iso sen dúbida ningunha.

conde_24En troques de dar de fociños co teorema de Pitágoras, coas leis de Boyle-Mariotte ou cos siloxismos en Bárbara (dúas premisas afirmativas e unha conclusión afirmativa, non si, Fausto?) aprendíaselle ós alumnos a amar á literatura dos escritores galegos, representados tal día por un deles, cousa que os máis dos rapaces agradecían en moita maior medida que se os provocabas coa conxugación do infinitivo ou o xeito de non se equivocar coa colocación dos pronomes átonos. Este ano a cousa cambiou. Teño a impresión de que o único que lle teremos que agradecer ó corona virus é que a conmemoración de hoxe, isto é, o de facer memoria común da obra e da persoa dun autor, teña sido trasladado pra máis adiante esperando que sexa nun día laborable no que ninguén aproveite pra irse de chiquitas, como se dicía antes, ou de viños como seica se di hoxe.

Este ano, por fin, tocaba (e aínda toca) conmemorar a obra de Carvalho Calero. Eu son dos que levaba anos pedindo que así fose ata que por fin "caeu". Non foi sen tempo. Pero algún mal fado debe perseguir ó bo de Don Ricardo, a quen eu lle debo moito, a saber: a edición do meu primeiro libro, o coñecemento da miña primeira muller e nai das miñas dúas fillas maiores e o exemplo da súa conduta. Non é pouco.

Está claro que tamén lle debo, xunto co resto da cidadanía, o seu monumental traballo a prol da lingua e da cultura propias do país; un traballo inxente, levado a ramo en condicións que os máis mozos nin sequera han ser quen de imaxinar e que aínda está aí pra aqueles que queiran saber da nosa literatura e dos seus autores, amplamente tratados, e do inmenso labor docente de Don Ricardo. Acaso lle deba tamén o non telo seguido, no seu momento, na súa teima de lusificación ortográfica pero entendín que non eran chegados uns tempos que agora vexo máis cerca e necesarios. A gran pregunta é a de que sería hoxe do noso idioma, xa que non do noso país, se Carvalho tivese ocupado a presidencia da Real Academia Galega. Calquera o sabe.

Que penso o que digo é tan certo como que non valoro tanto o seu labor de creador literario, que lle imos facer. Neso inflúen os gustos e os meus non van por aí, de xeito que non vexo ó xenio que algúns proclaman. Non estou afirmando que os seus poemas non sexan bos, que as súas novelas non o sexan, senón que a min non me gustan. Tampouco non me gustan as de Risco e iso non quere dicir nin que non lle gusten a outros, nin que sexan malas novelas. A min de pequeno non me gustaba o bacallau e non lles digo o ben que me senta hoxe. Ó millor acábame sucedendo o mesmo co novelista e poeta Carvalho, que está moi por enriba doutros e doutras recipendarios dos fastos destes días que eu tanto denostei nos seus momentos. Carvalho, quede claro, esta moi por riba das Maria Mariño, das Maria Victoria Moreno et allii, así que nada que ver nin lamentar. Ben polo contrario, haberá que alegrarse de que hoxe poidamos recordar a don Ricardo e de que podamos volver facelo á volta duns meses, antes de que remate o ano e se o corona virus non nos leva antes por diante.

En tanto que ese día non chegue déixenme que recorde algo que escribiu Schopenhauer e que ven eiquí moi ó conto: "O estilo é a fisonomía do espírito". No estilo literario de Carvalho Calero condénsanse a precisión do seu pensar e máis a do seu comportamento. Proba delo é a lexión de seguidores que deixou, a cantidade de alumnos que o recordan convertidos a maioría deles en acérrimos defensores, en activistas, cando non en paladíns da súa causa reintegracionista.

Mágoa que no seu momento non se tivese producido un entendemento que, chegado o día de hoxe, posiblemente tería evitado a brutal castelanización que padece a nosa lingua tan deteriorada léxica, sintáctica e foneticamente que fai que os vellos falantes dela e a verdade é que non poucos dos novos escritores teñan que andar con ollo e tento abondo se non queren cair no desengano de que, en troques de estar tratando cunha lingua, o estean a facer cun fala dialectal.

Isto que digo pode ser tomado coma unha provocación. Nembargantes convén falar moito a este respecto; convén chegar a acordos e sínteses, que se amosan inevitables, se queremos conservar o que estamos a perder dende que as xentes abandonaron o mundo que ocuparan durante séculos e se viñeron vivir ás vilas e ás cidades. Aquel mundo esvaéusenos e xa non valen saudades; mesmo a saudade ou xa non existe ou ben é outra e tan distante, tan alonxada daquela, que convén ir armando outro discurso adaptado ás necesidades actuais. O Pai Miño nunca foi un río internacional. Interestatal seguro, pero internacional...

Te puede interesar