ANIVERSARIO

Unha delegación viaxa a Bos Aires polo centenario do seu centro

O concello reeditou para esta ocasión o primeiro número da revista “Arenteiro”, creada polo Centro Partido do Carballiño en Bos Aires en 1931

O Concello do Carballiño renderá homenaxe ao Centro Partido do Carballiño en Bos Aires co gallo dos actos do centenario da súa creación, que terán lugar a próxima semana na súa sede da capital bonaerense. En representación do concello acudirán a estos actos o alcalde, Fancisco Fumega; o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, o portavoz do grupo municipal do PP, Argimiro Marnotes, e o portavoz do BNG, Xosé Francisco Ferreiro Abelleira, ademais de outros que particularmente realizarán a viaxe. 

O Centro Partido do Carballiño en Bos Aires ten programados tres actos para conmemorar o seu centenario. Terán lugar o xoves 15, o sábado 17 e o domingo 18 de novembro, na sede do centro, en Vicente López.

O concello reeditou para esta ocasión o primeiro número da revista “Arenteiro”, creada polo Centro Partido do Carballiño en Bos Aires en 1931 e que, entre outros temas, inclúe a convocatoria da primeira asamblea xeral da sociedade e a primeira directiva que tivo este centro.

Ademais, tamén se fixeron pins conmemorativos, destacando sobre o escudo da sociedade a celebración do centenario. Así mesmo, donarase ao centro un equipamento completo para a coción do pulpo, así como  pratos de madeira grabados co escudo do centro. Todos estes utensilios serán usados polos pulpeiros que viaxan coa delegación.

Te puede interesar