Opinión

Denuncia que algo queda

Na actualidade é o que vende. Denunciar, difamar e logo levar ós xulgados o asunto, sen ter acusacións concretas. Claro, previa noticia pública pra que os medios lle dean luz e, a poder ser, con grandes e chamativos titulares. Este foi o mantra que se impuxo durante anos nalgúns partidos políticos moi personalistas. Cultivar a denuncia xudicial baixo a premisa de que sempre algo queda, pois o denunciado terá que demostrar a súa honorabilidade, e non quen acusa só con indicios e sen as probas contundentes. O acusado, diante esta maneira de actuar, sempre sairá perdendo. 

Nesta sociedade levamos moitos anos nos que, fronte a unha linguaxe racional e xustificada con argumentos, impúxose a linguaxe chocalleira da denuncia xenérica sen probas que soamente busca o titular. E un sector moi importante da cidadanía picou, aceptando e premiando co seu voto ise xogo perverso. Quedarse co titular e aplaudir a quen denuncia sen máis miramentos é o máis sinxelo. Na actualidade, se falas de proxectos de cidade, se falas das cousas que son importantes pra o futuro, non te escoita ninguén. Mellor, esa mensaxe non ten interese. Pola contra, se falas arremetendo contra quen argumenta e fai propostas serias, es escoitado e seguido. E nesa deriva é na que estamos hoxe. Por iso, os problemas de Ourense xa non son nin a estación intermodal, nin o PXOM, nin a Praza de Abastos, nin determinados viais para cidade, nin a caída da poboación, nin a desaparición do comercio local, nin os parques e xardíns esnaquizados... Agora os problemas son unha morea de ramplas de acceso chamadas escaleiras mecánicas.

Tanta verborrea dicindo que na casa consistorial nos estaban a roubar, tanta denuncia infundada que chegou á Xustiza que fixo moito dano e agora apandamos co peor. Os denunciantes foron diversos, uns partidos políticos persoais, tamén algún funcionario resentido por non lles dar o que pedía; logo algúns construtores habituados a facer o que lles viña ben pra o seu peto; e, por último, xuices e fiscais que, pode que polo seu traballo, ate vexan bruxas onde non hai nada de nada ou que tramitan casos que terían que ir pola vía administrativa. E deste xeito, todos, como colaboradores necesarios, axudaron a esta desfeita. E agora no concello da cidade, cada vez que hai un pleno, temos un espectáculo ridículo, onde o actor principal, o alcalde, é a estrela da función titiriteira. 

O certo é que, en Ourense, esa maneira de actuar e a diarrea verbal de que todo vale con tal de acadar o poder, desfixeron un goberno que si tiña un proxecto pra esta cidade. E como consecuencia, axudou a destrución do creto persoal de moitos e bos cidadáns e con elo o desprestixio da institución municipal. Compre lembrar que humillouse a un alcalde, machacouse a moitos concelleiros que aínda seguen paseando polos xulgados. E a pregunta é a seguinte: quen saiu perdendo? Pois primeiro os encausados, dado que o dano persoal non hai sentenza que o repare. Pero quen máis perdeu foi a cidade e, en concreto, todos os ourensáns. Aprenderemos os habitantes desta Auria algo despois desta desfeita? Esperemos.

Te puede interesar