Opinión

Deporte e empresa

Asemana pasada inaugurouse un novo curso do Master de Deporte no noso Campus e a conferencia inaugural tratou sobre a relación entre a práctica deportiva e a realidade das distintas empresas.  Un tema, sen dúbida, de moito interese que ten a súa plasmación máis evidente nos coñecidos “xogos de empresa” que existen en moitos lugares non tan afastados.  A través de competicións diversas, os equipos son formados por persoal de diferentes empresas ou institucións funcionando de xeito semellante a calquera outro evento deportivo.  Unha oportunidade non só para realizar exercicio físico senón tamén para fomentar outros aspectos relevantes da contorna empresarial como poden ser a convivencia, o compañeirismo, a estratexia ou a planificación.
De todo o que foi comentado por Mario Rigau (CEO de Catalonia Corporate Games e excepcional relator do acto) houbo un dato que nos debería facer reflexionar.  Segundo as últimas estatísticas dispoñibles, en España tan só un 3% da práctica deportiva realizase na empresa.  Quere isto dicir que o resto, ese 97%, que é practicamente todo o deporte practicado polos españois, non está vencellado ao mundo laboral.  Esta circunstancia reflicte que a percepción polas empresas das bondades e vantaxes do deporte é inexistente. E chama isto a atención cando, dentro da responsabilidade social corporativa tan en moda hoxe en día, outros aspectos experimentaron un crecemento considerable.  

Con seguridade non tardará en chegar o momento en que as empresas sexan conscientes de que contar cun cadro de persoal “saudable” non é so responsabilidade individual de cada persoa senón que é tarefa colectiva.  Un persoal con boa saúde repercute favorablemente no clima e desempeño da empresa e iso, más cedo que tarde, ten a súa tradución na conta de resultados a fin de exercicio.  Máis aínda, xa dispoñemos de estudos académicos que constatan como unha das mellores ferramentas para reducir o absentismo laboral é a realización de actividade física.  Tamén as autoridades públicas teñen algo que dicir sobre este particular.  Na súa responsabilidade está favorecer ás empresas con boas prácticas en promoción deportiva que sirvan de punto de lanza para a concienciación do resto.  

Ante este panorama, ábrese un horizonte ata o de agora descoñecido para nós, como é a necesidade de técnicos de promoción deportiva e actividades saudables na empresa.  Estou convencido que en breve pode ser unha realidade e cómpre que os que nos adicamos á formación en materia deportiva cunha óptica económica e empresarial esteamos preparados.  O deporte na empresa ten que se converter nunha realidade que será beneficiosa para todos.  E niso estamos.

Te puede interesar