REPORTAXE

A derradeira "leición" do pai

Bóveda Castelao
photo_camera Amalia Bóveda, a única filla viva de Alexandre Bóveda, fronte ao cadro de Castelao. (FOTOS: XESÚS FARIÑAS)

Amalia Bóveda é a única filla viva do galeguista Alexandre Bóveda. Con dor sostida, fala do pai que nunca coñeceu porque estaba no ventre de súa nai. Pero, en realidade, si o coñeceu. O pai deixoulle as derradeiras "leicións".

Fóra. Fóra de aquí todos. Fóra de lugar. Amalia Bóveda está mirando a seu pai asasinado e quere bicalo. Ao redor, xente. Fotos. Máis xente. Máis fotos. Ruído. Ela quere estar soa aínda que non o diga. "Se puidera darlle un bico...", laméntase diante de todos. O momento compartiuno co seu fillo, Valentín García Bóveda. "O meu baluarte", conta despois. É a primeira vez que Amalia Bóveda olla e sofre, con detemento, o cadro no que choran a morte do mestre fusilado.

O asasinato de seu pai, o galeguista ourensán Alexandre Bóveda. "A derradeira leición do mestre" emociona a calquera na antiga biblioteca do Pazo Provincial. Pero a emoción máis forte é a da filla que non coñeceu o mestre, morto cando Amalia aínda estaba no ventre de súa nai. Morto por defender a patria, o 17 de agosto de 1936.

Amalia fala pausada e a sensación á que non consigo poñer nome ponllo ela: "Dor sostida no tempo".


A filla dun fusilado


Amalia Bóveda medrou sen pai, visitando de nena un camposanto no que sabía que el estaba alí. Pero non por que. "Ía ao cemiterio a ver a meu pai. Daquela, a única que o sabía era miña irmá maior. Dicíalle a xente que ao seu pai matárano por malo, pero non é certo". Aperta os beizos con rabia. "Non era certo, non era certo. A meu pai matárono por bo e xeneroso, deu a vida por Galicia e levou sempre Galicia no corazón". Deixa que flúan as emocións e os recordos daqueles nenos sinalados como os fillos dun fusilado.

Ela enterouse moi tarde do que pasou. A nai calaba. A nai coidaba e sacaba para adiante os fillos. Pero ela tamén marchou pronto. "A nosa nenez foi sen pai, pero case tamén sen nai".

 Amalia foi feliz nas súas épocas en Ourense cos seus irmáns. "É moi emocionante porque aquí estiveron meus avós.  Vicente foi pai, que tamén nos faltou moi pronto". E dos irmáns da única filla viva de Alexandre Bóveda chéganlle os recordos. "Eles ían ver a meu pai á cadea. Contábanme que meu pai se asomaba e lles pedía libros. Libros. Pedíalle libros, era o que recordaba meu irmán Alexandre".

Agora explica a emoción de poñerse diante do cadro de Castelao, o chamado "guernica galego", "A derradeira leición do mestre". "Moita, moita emoción porque vén á súa terra. Ao seu sitio, onde viviu os seus primeiros anos de vida. Onde aprendeu o galeguismo, mirando polos seus pais e pola xente que tiña ao redor".  

É a primeira vez que Amalia Bóveda pode sentar fronte ó lenzo no que Castelao reflicte maxistralmente como asasinaron o seu amigo galeguista. El, que tralo xuizo só pediu que na caixa o enterrasen coa bandeira de Galicia. Non o deixaron. O seu amigo Xosé Sesto apresurouse a colocar a bandera baixo a chaqueta de Bóveda. E marchou con ela.


Quería darlle bicos


"Puiden desfrutar do cadro, máis ca no Gaiás. Sentada en frente do cadro, empapándome del. É unha emoción tremenda, quería abrazarme a el e darlle bicos".

Amalia conta que "leicións "deixou Alexandre Bóveda. O Alexandre Bóveda galeguista: "Moitas. O amor á terra, aos fillos, aos nenos galegos. A eses nenos galegos que ían descalzos e el quería que puideran vivir, que puideran ir a escola".
Pero o Alexandre Bóveda galeguista tamén foi pai. Un pai que non coñeceu Amalia. "O legado que levo? O meu nome. El quería que se fose neno, me chamaran Xesús. Era moi crente. Pero se era muller, Amalia. E así foi".

Deixoulle moito máis. Unha loita que lidera Amalia cos seus baluartes. A loita pola memoria. Que Galicia mire ao futuro, pero non esqueza o seu pasado. A loita do mestre, a salvo na súa descendente. Que declaren o día de Galicia Mártir, a súa loita. A derradeira. 

Te puede interesar