entrevista

“A desamortización foi unha catástrofe para o mosteiro de Montederramo"

_ramonlorenzo
photo_camera O investigador Ramón Lorenzo.
O historiador Ramón Lorenzo presenta o terceiro volume de "Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices", un traballo de trinta anos que serve como crónica histórica

O historiador Ramón Lorenzo (Ames, 1935) presenta este martes ás 19,30 horas no mosteiro de Montederramo o terceiro volume de "Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices" un traballo de trinta anos que serve como crónica histórica, non só do importante poder destes lugares, senón como "futuro dicionario histórico e na evolución da lingua". Son case 2.000 documentos de tipoloxía variada, dende 1124 ata o 1506 e que atopou no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, no da Catedral de San Martiño e no Histórico  Nacional de Madrid. O seu labor de transcrición pon en valor a lingua medieval e este volume será unha importante fonte para os estudosos. 

"É unha colección dunha riqueza extraordinaria polo seu número e por percorrer a Idade Media, ininterrompidamente, durante máis de catro séculos. É unha crónica de vida da época nunha ampla área de influencia: doazóns, compras, vendas, trocos, relación de bens, derradeiras vontades, melloras, liortas, ameazas...", destaca Rosario Álvarez, a presidenta do Consello da Cultura Galega, institución que alentou este traballo dende os inicios e que permite "testemuñar máis de once mil cincocentos nomes de persoa e máis de tres mil nomes de lugares, entre eles o primeiro rexistro dunha enigmática Rouoyra Sacrata". 

Que temáticas atopou nos documentos?

Hai documentos reais e algúns ata do papa. A maioría son de compra e venda ou de cando arrendan cousas ao mosteiro, que tiña moitas propiedades. Tamén hai xente que lle da a Montederramo unha propiedade e así foron aumentando.

"O mosteiro de Montederramo foi un motor económico que tiña moitas posesións, incluso fóra da provincia"

O mosteiro de Montederramo foi un motor económico importante en Galicia?

Si, non podo dicir cal era o máis importante, pero era un mosteiro moi importante que tiña moitas posesións, sobre todo nesa zona arredor de Montederramo, pero ao sur chegaba a Monterrei e a Verín e hai algún documento que ten unha leira como límite sur o reino de Portugal. E por outras zonas da provincia como Chandrexa de Queixa, Maceda, Manzaneda…

Fáleme dos documentos máis curiosos.

Hai un dun condenado a morte que está preso con cadeas nos pés e no pescozo e fai testamento a favor de Montederramo. Outro é un señor que tiña unha débeda con xudeus, que eran prestamistas. Non pode pagala e embárganlle o que ten e subástano. El perde todo o que ten porque non lle pode pagar.

Quen era o condenado a morte?

Non di por que razóns, supoño que algo faría. Tamén hai documentos dun preito que ten o mosteiro de Santa Clara de Allariz co de Montederramo. Había unha señora poderosa que decidira enterrarse en Montederramo e deixarlle todo alí, pero as monxas de Allariz convencérona para que mudase. Morreu en Allariz e enterrárona alí.  Houbo un preito e a xustiza ditaminou que a desenterrasen e a levasen a Montederramo.

Era habitual a rivalidade entre mosteiros?ramonlorenzo

Ás veces había algún problema. Montederramo tivo preitos famosos no século XVI e XVII co conde Lemos, porque tiña por esa zona posesións. Hai un famosísimo ante a Real Audiencia de Valladolid, pero el seguiu igual e houbo máis problemas.

Que pasou co rei de Portugal?

Montederramo tiña unha granxa en Braganza e o rei de Portugal quería que fose da igrexa de Braga. Hai cartas do rei en latín e portugués comentando esta cuestión. Pero o que máis abundan nos documentos son os contratos. Hai un documento moi longo, do século XIV, que mide polo menos de altura un metro.

Hai máis personaxes coñecidos nos documentos?

Hai notarios de Monterrei e de Verín e algúns son de monxes. O que hai son rúbricas preciosas destes notarios.

Leva 30 anos estudando a historia do mosteiro de Montederramo...

Xa hai moitos anos que me interesou. Este mosteiro non estaba traballado e doutros xa había cousas publicadas, así que apostei. 

Que papel teñen os mosteiros hoxe?

Montederramo nada porque desapereceu. A desamortización foi unha catástrofe para os mosteiros, tamén é certo que dominaban todo, a xente tiña que pagarlles. Tiñan moito poder. A desamortización foi terrible porque quedaron abandonados. E a documentación perdeuse moita. Oseira ou Sobrado foron recuperados, pero outros...quedaron as igrexas. En Montederramo antes da recuperación da igrexa, onde estaba o mosteiro, había unha taberna, unha cuadra… Alí os monxes non volveron. Pero foi unha perda moi grande.

De cando é o primeiro documento?

Os primeiros son documentos falsos de 1124.

Cando empeza a aparecer o galego nos documentos?

No século XIII. 

Te puede interesar