Opinión

Descúlpese antes de falar

Parece ser que o modelo novo de relacionarse no Concello pasa por pedir desculpas antes de falar, reivindicar ou denunciar algo. Mal imos se quen manda pretende buscar consensos nas materias importantes pondo estas trabas. En Ourense todo esta ben, aínda que non teñamos Plan de Urbanismo nin presupostos e soamente haxa a rutina de manter malamente o que xa estaba feito. Parece que non se aspira a nada máis.

A resposta que segundo os medios de comunicación lle deu o alcalde a un membro da oposición por reclamar a posta en marcha do PXOM é realmente de libro e semella un certo menosprezo para quen reclama, propón ou denuncia que o goberno non funciona. Vivimos tempos nos que a crítica e menos a culpa ninguén a quere. Pero o caso do Concello de Ourense é enfermizo pois, que a día de hoxe, co que leva chovido por mor do PXOM, dende a alcaldía se culpe á oposición de tal desaguisado resulta vergoñento.

A verdade é que sempre pensei que un alcalde tiña que ter máis cintura política e ser máis valente para fomentar un clima de diálogo sobre asuntos que son vitais para os ourensás. Mais percibo que non. Todo o que se di e proclama cara fora é pura verborrea. Queremos diálogo e estamos dispostos a telo, repiten dende o goberno como se fose un mantra. Pero a realidade ven demostrar que a debilidade de quen debera mandar e buscar acordos pon os asuntos partidarios por riba do xerais. Por iso, con este panorama, onde unha maioría minoritaria non asume nin admite a responsabilidade dos seus no pasado, será moi complicado camiñar buscando consensos e facer realidade un Plan de Urbanismo que xa estaba aprobado inicialmente. 

O mandato avanza e vivimos nunha realidade política onde quen manda non ten nada que presentar. Estamos percibindo unha realidade de quen vive dunha imaxe ficticia e pouco podemos esperar do tempo que resta de mandato. Pedirlle desculpas á oposición sobre unha cuestión na que os compañeiros partidarios do alcalde son os únicos responsables da situación do urbanismo ourensán, parece un desatino. Desculpas de mal pagador, na linguaxe popular. 

Son consciente que, para determinadas cuestións, dada a correlación de forzas actuais na cidade, será complicado acadar acordos. Pero lembro que nos temas importantes que transcenden a moitos mandatos -pensemos na planificación urbana-, o consenso é preciso e necesario. E a busca do mesmo correspóndelle ó rexedor. Pero dubido da súa vontade, pois as súas verbas non inspiran credibilidade ningunha. 

En fin, entendo que na nosa cidade o goberno carece de aspiracións e soamente tenta seguir no poder para dicir que ten unha alcaldía dunha cidade galega. Teñamos paciencia pois, como di un dito popular: malo será que non escampe.

Te puede interesar