GALICIA

"Deseucaliptización", elixida como a palabra galega do ano

"Feminismo", "sororidade", "fariña" ou "apoderamento" son algunhas das palabras que completan a lista

"Deseucaliptización" foi elixida palabra do ano 2018 con máis da metade dos 5.724 votos emitidos no Portal das Palabras, unha iniciativa web da Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié.

O vocábulo gañador, que sumou un total de 3.114 apoios, impúxose a outro cinco termos finalistas. De feito, a segunda palabra máis popular foi "feminismo", con 1.032 votos, mentres que pechan a lista "sororidade", "fariña", "apoderamento" e "fascismo".

Segundo subliña a RAG, a vitoria de "deseucaliptización" reflicte "un aspecto destacado na crecente preocupación social pola xestión do monte galego". De feito, non é a primeira vez que esta cuestión marca a elección da palabra do ano, posto que, aínda que en 2017 a vencedora foi "afouteza", entre as finalistas estiveron "vaga de lumes" e tamén a gañadora deste 2018.

"Eucaliptización" e "deseucaliptización", aínda que non figuran no dicionario da RAG, axústase ás regras de formación de palabras propias do galego, segundo confirma esta institución. Así, a partir do substantivo "eucalipto" e mediante sufixación xorde "eucaliptizar", de modo que se pode formar "deseucaliptizar" e de aí "deseucaliptización".

O eucalipto correspóndese a un xénero de árbores orixinais maioritariamente de Australia que inclúe diversas especies. A súa incorporación á flora europea é relativamente recente, tal e como informa a RAG. En Galicia, foi introducido da man do pai Rosendo Salvado, que se instalou en Nova Norcia (Australia) para evanxelizar esta terra.

O nome da especie débese ao botánico francés Charles-Louis L`Hériter, quen bautizou como "Eucalyptus obliqua" no século XVIII a unha árbore que chegou ao British Museum de Londres a través da expedición do capitán James Cook.

O termo está formado pola unión de dous elementos de orixe grega: "eu" significa "ben", mentres que "kaliptós" é "cuberto". Por outra banda, "obliqua" fai referencia á forma da base das súas follas cando son adultas.

Te puede interesar