Opinión

Deus estará máis cerca

Falar neste Recuncho sobre o máis destacable da semana pasada é xa unha parvada. Porque a semana pasada transcorreu entre mitins, debates e noticias sobre a campaña electoral. E a día de hoxe todo iso que se falou, que se prometeu, que se esparexeu polos distintos medios de comunicación xa é auga pasada. Non obstante, o peor de todo é que ó mellor seguimos como estabamos (non o sei porque isto escribino o sábado pola noite), é dicir, que intúo que haberá que seguir pactando. Que pacten axiña, por favor! Outras votacións non. A política, á parte de que cansa, aburre.

Non aburre a da capital ourensá. Aquí temos un figura que vai saber o Abel Caballero o que é bo. Este moito barullo coas luces do Nadal, pero o de Ourense vaino deixar pampo co rañaceos que ten intención de construír na Finca da Deputación. As luces de Nadal de Vigo poida que se vexan en Nova York, pero o rañaceos de Ourense, en altura, vai chegar ata a mesma lúa. As redes sociais énchense de comentarios con mofa, de montaxes esperpénticas coas figuras do Jácome e o rañaceos, pero, a ver!, sempre nos queixamos de que Ourense está metida nun buraco, de que entre isto e a néboa non se consegue ver ben a cidade; pois agora ímola ver de carallo. Perdón, imos ver só o rañaceos, pero algo é algo. Din que uns 300 metros de rañaceos. Iso son moitos metros xuntos. Algúns seguro que pensan que poden alcanzar a Deus, que Deus lles estará moito máis cerca. Os de Baños de Molgas xa estamos un pouco cohibidos ante os 30 metros da torre da igrexa, como para sumarlle 29 torres máis. Ai meu Deus, non me alcanzará a ollada para ver os áticos, e moito menos as parabólicas.

Moito rañaceos na Finca da Deputación e as rúas dos barrios dos arrabaldes cheas de fochancas ou co mesmo perfil de cando andaban os carros das vacas. Se te metes co coche a uns 400 ou 500 metros do centro-centro da capital notas que xa estás noutro mundo e que as rúas volven ser carreiras. Emporiso, a recompensa a ese abandono chégalle en forma de luces de cores e xeométricas, pois este ano o alumeado do Nadal seica alcanzará a todos os barrios... para que se vexan ben as fochas.

Te puede interesar