entrevista - educación

"O día que fundamos a cooperativa foi especial, puidemos seguir coa ensinanza"

O profesor, nunha das aulas.
photo_camera O profesor, nunha das aulas.
Manuel Dasilva foi un dos fundadores da cooperativa Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón de Celanova, onde exerceu de profesor durante máis de 38 anos

Fai máis dun mes, Manuel Dasilva Morgade despedíase do recinto que durante máis de 38 anos considerou como a súa segunda casa, o Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón de Celanova. Natural de Lantemil, en Entrimo, Dasilva foi un coñecido profesor desa escola celanovesa e un dos fundadores da cooperativa que mantivo aberto este centro escolar dende a saída das monxas. O pasado 23 de setembro, Manuel, agora xa xubilado, dicía adeus a unha das mellores etapas da súa vida, rodeado de alumnos e profesores.

Sempre quixo adicarse ao mundo da ensinanza?

Si, sempre tiven esa vocación. Eu sempre quixen ser profesor, pero de novo tamén me gustaba a idea de dedicarme ao turismo. O problema era que daquela había que ir ata Coruña e aquí, en Ourense, as posibilidades eran limitadas, polo que me decidín pola ensinanza. 

Garda algún recordo, con especial cariño, durante todos os anos que foi profesor?

Un dos recordos que mellor gardo foi cando conseguimos formar a cooperativa para que o colexio continuara. Nese momento tivemos que loitar, tivemos moitos problemas en contra. Pero recordo que o día que a demos fundado foi especial, porque puidemos seguir continuando coa ensinanza. Ademais tiven a satisfación de tratar con moitos rapaces, fun profesor de pais e dos seus fillos, chegando xa á terceira xeración. Gústame ir pola calle e que todos me coñezan, son moitos recordos. A min a ensinanza deume moita gratificación persoal e moitas cousas boas.

"Coido que o máis importante é a vocación e a empatía. Ademais un profesor debe de ser sereno, alegre e ser sempre xusto co alumnado"

Durante o seu periodo como profesor, viviu moitos cambios. Resultoulle díficil adaptarse as novas metodoloxías?

Si, claro (suspira). A educación cambiou moito nos últimos anos, pero sempre procurei asistir aos cursillos que tivemos no colexio para poñerme ao día. Ademais contei coa axuda dos  meus compañeiros.

Que considera máis importante á hora de ser profesor e no trato cos alumnos?

Coido que o máis importante é a vocación e a empatía. Ademais un profesor debe de ser sereno, alegre e ser xempre xusto co alumnado. 

Agora que está xubilado, ten algunha afección?

Estou na coral do Solpor, fago voluntario na Cruz Vermella e participo, dende toda a vida, nun equipo de futbol de aquí de Celanova. Non abandonei de todo a ensinanza, pois na cruz vermella fago apoio escolar.

Te puede interesar