CULTURA

Os Premios da Cultura Galega, reivindicación da Ribeira Sacra

Montederramo acolleu a entrega dos galardóns, celebrada por primeira vez fóra de Santiago

A cultura galega celebrou a súa festa anual no interior do Mosteiro de Montederramo, unha das xoias arquitectónicas do enclave artístico da Ribeira Sacra. Por primeira vez, o acto de entrega dos premios da Cultura Galega realizouse fóra de Santiago. 

A igrexa do conxunto relixioso acolleu a cerimonia, que homenaxeou aos oito premiados ademais de recordar a recente declaración da Ribeira Sacra como Bien de Interés Cultural (BIC). "Neste mosteiro apréciase a íntima unión da cultura galega coa terra, os galegos precisamos raíces, precisamos pertencer a unha paisaxe", explicou o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo. Pola súa parte, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, ensalzou a Ribeira Sacra como unha terra "heroica" e "agarimosa", exemplo da "capacidade transformadora do pobo galego". Ata Montederramo tamén se achegaron autoridades coma o presidente do Parlamento de Galicia, Manuel Santalices; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso; ou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. 

Polo escenario da igrexa pasaron os diversos galardoados para recoller o premio, obra do escultor ourensán Acisclo Manzano, e quenes reclamaron un maior apoio institucional para os proxectos culturais que se levan a cabo en Galicia. Ramón Villares, gañador na categoría de proxección exterior, agradeceu o recoñecemento e remarcou que a humanidade "é unha suma de conexións entre pobos, non de illamento". Pola súa parte, o ourensán Antón Dieter, do Sorriso de Daniel, pediu a incorporación de "50 monumentos esquecidos do BIC da Ribeira Sacra" e agradeceu o traballo dos galegos que coidaron o patrimonio "durante centos de anos". Antón Santamaría, premio de lingua, valorou que o galego é, hoxe en día, unha "lingua normalizada", cando fai varias décadas non tiña unha ortografía unificada. Alfonso Pato, director do Festival de Cans, premio de audiovisual, pediu o fin da "precariedade da cultura" e recordou que "é moi díficil construir algo sen o acubillo das institucións". Luz Darriba, premio de artes plásticas, puxo énfase na importancia de aumentar o número de mulleres premiadas, dedicou o premio "ás que xa non están porque foron asasinadas" e afirmou que "a violencia machista si existe". Dende o grupo A Roda, premio de música, recalcaron a importancia co canto popular -"é a nosa música"-. Xosé María Álvarez Cáccamo, premio de letras, animou ao esforzo de todos "nestes tempos nos que medra o berro incivilizado da ultradereita". Dende o FIOT de Carballo, Alberto Sueiro, recordou o papel "indispensable" do teatro na ensinanza.


Feijóo: "A democracia necesita da cultura"


O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou a ocasión para sinalar a importancia da cultura nas sociedades como "tecedora de fíos entre persoas e pobos" . Ademais, recordou que "a democracia necesita da cultura para existir" e instou aos galegos a seguir traballando e divulgando as particularidades da súa idiosincrasia propia. Por outra banda, Feijóo aproveitou a ocasión para recoñecer o papel do xurado, "que decidiu libremente os premios", así coma o dos galardoados, "polo que fixeron, polo que fan e polo que farán no futuro". O presidente da Xunta recordou os fitos máis importantes da cultura galega do ano 2018, tales coma a declaración da Ribeira Sacra como BIC, paso previo para convertirse en Patrimonio da Humanidade, ou a restauración do Pórtico da Gloria de Santiago de Compostela.


Baltar: "Isto é un alicerce máis para impulsar a grandeza deste territorio"


O presidente da Diputación de Ourense, presente no acto de entrega dos galardóns en Montederramo, salientou a importancia de escoller "un enclave tan significativo da Ribeira Sacra" para a celebración "dos galardóns máis importantes da cultura galega". 

"Esta decisión supón un alicerce máis para seguir impulsando a grandeza deste territorio cara ao seu recoñecemento de Patrimonio Mundial pola Unesco", afirmou o presidente. A reciente declaración do lugar como Ben de Interese Cultural (BIC), supón un paso adiante neste proxecto. "Esta é unha reivindicación que hoxe acada máis forza, se cabe, co respaldo de todo o ámbito da cultura galega, aquí representado institucional e socialmente, e tamén por parte das persoas e entidades premiadas nas diferentes modalidades que abrangue a creatividade", engadiu Baltar. 

AMBIENTACIÓN MUSICAL 

A Coral De Ruada foi a encargada de poñer a ambientación musical no inicio e no remate do acto de entrega de premios.  O dj Baiuca, o colectivo Aliboria ou o dúo formado por Álvaro Iglesias, contraaixo, e o ourensán Cástor Castro, bouzoukista, completaron a banda sonora do evento. 

Te puede interesar